Máis de 900 estudantes de toda Galicia asistirán no Salón Teatro ás funcións matinais do 'Tartufo' do Centro Dramático Galego

  Dezaseis centros participan na campaña escolar arredor da nova produción propia do CDG, para a que se reservan cinco das 20 representacións que terán lugar en Santiago ata o 16 de outubro

  Os alumnos e profesores poderán abordar na aula o clásico de Molière e esta versión galega seguindo a guía didáctica que Miguel Vázquez Freire elaborou para a compañía pública

Máis de 900 estudantes de toda Galicia asistirán no Salón Teatro ás funcións matinais do 'Tartufo' do Centro Dramático Galego
[26/09/2016]
Máis de 900 estudantes de 16 centros educativos de toda Galicia visitarán o Salón Teatro para as representacións matinais do espectáculo ‘Tartufo’, a nova produción propia do Centro Dramático Galego (CDG) dirixida por Carles Alfaro. Para esta campaña escolar resérvanse cinco do total de 20 funcións que terán lugar en Compostela ata o 16 de outubro.

A campaña arranca esta semana coa asistencia mañá de varios grupos procedentes do FPI San Vicente da Baña e do IES Sar de Compostela e o mércores, do colexio San Pelayo-Emma, do IES Antón Fraguas e do CPR O Raio Verde, os tres de Santiago.

Actividades paralelas
Ademais, o Centro Dramático Galego achégalle ao profesorado unha serie de actividades paralelas para traballar xunto cos seus estudantes tanto antes como despois de asistir ao espectáculo. Estas propostas recóllense na guía didáctica elaborada por Miguel Vázquez Freire (da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix) para o CDG, que tamén afonda na obra e no contexto histórico e artístico no que foi escrita por Molière, así como nas características da montaxe realizada pola compañía pública galega.
 
Nela, o director Carles Alfaro ideou unha posta en escena centrada no traballo interpretativo que desenvolve un elenco de seis actrices (Casilda Alfaro, Antela Cid, Mónica García, Marta Lado, Rebeca Montera e Patricia Torres) e catro actores (César Cambeiro, Xoán Fórneas, Roberto Leal e Alejandro Saá).
 
Sinopse
Este texto do gran clásico da literatura francesa aborda, desde a comedia, unha reflexión sobre os perigos da impostura e do artificio, sobre o alcance das aparencias e a cegueira que provoca en quen non quere ver. Aquí, un membro da alta burguesía parisiense, Orgón, e a súa nai atópanse baixo a influencia de Tartufo, un falso devoto que se erixe no seu director espiritual cando o que pretende, en realidade, é ficar con todos os seus bens. A trama complícase coas intervencións da criada Dorina e do resto da familia quen, conscientes das verdadeiras intencións do impostor, intentan abrirlle os ollos ao seu protector.
 
Tras a estrea da pasada fin de semana, este xoves retomaranse tamén as funcións para público xeral no Salón Teatro, onde ‘Tartufo’ permanecerá ata o 16 de outubro con pases de xoves a sábado, ás 20.30 horas, e os domingos (día do espectador), ás 18.00 horas.
 
Promoción para as entradas en billeteira
Con ‘Tartufo’, o CDG pon en marcha unha promoción especial para aquelas entradas que se merquen directamente no despacho de billetes do teatro, de xeito que pola compra de dúas, os espectadores obterán unha terceira gratuíta. A billeteira está aberta ao público os días de representación, desde dúas horas antes do comezo do espectáculo, e os billetes poden mercarse, ademais, por internet a través do web entradas.abanca.com.  
 
A partir de mediados de outubro e ata finais de ano, o Centro Dramático Galego desenvolverá unha xira galega que levará esta produción a outras nove localidades: Tui, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo, Pontevedra, Vigo, Ourense, Cangas e Ferrol.

-Máis información, dossier e galería de imaxes no web do CDG