O Pazo de Mos reforza a súa programación cultural cunha mostra de cine galego en colaboración coa Agadic

  Maimiño e o espello máxico’, ‘Os fenómenos’, ‘A praia dos afogados’, ‘Inevitable’ e ‘Lobos sucios’ danlle forma á carteleira que se desenvolverá do 16 de outubro ao 26 de novembro

  As proxeccións forman parte do programa de actividades musicais, escénicas e audiovisuais promovidas a través dun protocolo de colaboración asinado este ano pola Fundación Pazo de Mos e a Consellería de Cultura e Educación

O Pazo de Mos reforza a súa programación cultural cunha mostra de cine galego en colaboración coa Agadic
[14/10/2016]
A Fundación Pazo de Mos e a Axencia Galega das Industrias Culturais colaboran no desenvolvemento da Mostra de Cine Galego, que terá lugar no auditorio deste espazo pontevedrés do 16 de outubro ao 26 de novembro coas proxeccións de ‘Maimiño e o espello máxico’, ‘Os fenómenos’, ‘A praia dos afogados’, ‘Inevitable’ e ‘Lobos sucios’.

Esta carteleira de cinco filmes, todos eles subvencionados pola Agadic, está inserida á súa vez no programa de actividades culturais promovido a través do protocolo de colaboración que manteñen este ano a Fundación Pazo de Mos e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A súa oferta audiovisual arrancará mañá co filme de animación ‘Maimiño e o espello máxico’, coprodución cubano-galega impulsada pola compañía compostelá Ficción Producciones e dirixida polo cubano Ernesto Padrón. Esta adaptación libre do popular conto de Charles Perrault exhibirase no auditorio mosense o vindeiro domingo 16, ás 18.00 horas.
 
Entrada libre
O resto do programa concentrarase nos sábados do mes de novembro, durante os que se proxectarán outras catro producións con participación galega: ‘Os fenómenos’, de Alfonso Zarauza (día 5); ‘A praia dos afogados’, de Gerardo Herrero (día 12); ‘Inevitable’, de Jorge Algora (día 19); e ‘Lobos sucios’, de Simón Casal (día 26). Estes catro pases están programados para as 22.15 horas e, do mesmo xeito có do vindeiro domingo, serán de entrada libre ata completar a capacidade da sala.
 
Con esta Mostra de Cine Galego péchase a programación cultural que se vén desenvolvendo desde o pasado mes de agosto e dentro da que se celebraron, así mesmo, os concertos de Treixadura, Tiruleque e a Galicia Fiddle Orquestra, ademais de contacontos na rúa para poñer en valor a oralidade en lingua galega.

-Fundación Pazo de Mos