O creador de 'El Ministerio del Tiempo' impartirá unha nova clase maxistral do programa Galicia ProFilme

  Javier Olivares achegaralles aos asistentes a súa experiencia á fronte desta serie e doutros coñecidos títulos como ‘Isabel’ e ‘Víctor Ros’

  A Asociación Galega de Guionistas conta coa colaboración da Agadic na organización desta sesión, que terá lugar o venres en Santiago e para a que se mantén aberto o prazo de inscrición

O creador de 'El Ministerio del Tiempo' impartirá unha nova clase maxistral do programa Galicia ProFilme
[17/10/2016]
‘Tempo de ficción’ é o título da clase maxistral que o guionista e produtor Javier Olivares impartirá o vindeiro venres día 21 en Santiago como nova cita de Galicia ProFilme. A través do seu programa de formación para profesionais do audiovisual galego, a Agadic apoia a Asociación Galega de Guionistas (AGAG) na organización desta actividade gratuíta.

Javier Olivares achegaralles aos asistentes a súa experiencia como parte do equipo de series de éxito da televisión en España. É creador e guionista de ‘El Ministerio del Tiempo’, na que exerce tamén como ‘showrunner’ e produtor executivo a través da súa produtora, Cliffhanger. Encargouse, ademais, da dirección argumental de ‘Isabel’ e ‘Víctor Ros’, entre outras, onde exerceu así mesmo de xefe de guionistas.
 
O papel do ‘showrunner’
A sede da Fundación SGAE en Composela acollerá esta clase maxistral, que dará comezo ás 16.30 horas. Nunha primeira parte, o relator explicará como xurdiu o proxecto da serie ‘El ministerio del tiempo’, que creou xunto ao seu irmán Pablo Olivares, falecido en 2014. Falará, a continuación, sobre o ‘showrunner’ como figura indispensable para que os creadores controlen o proceso de produción do seu programa televisivo.
 
Nunha segunda parte, Olivares explicará como é o proceso de traballo para a posta en marcha dunha serie, co guión como o seu sinal de identidade, así como a procura de novas audiencias na creación de produtos de ficción para televisión.  
 
Os profesionais interesados en asistir a esta nova entrega do programa formativo Galicia ProFilme teñen de prazo ata o mércores 19 para se inscribir enviando un correo electrónico ao enderezo  formacion@asociaciongalegadeguionistas.org.

-Programa