'Films from Galicia' desembarca no mercado televisivo MIPCOM de Cannes da man da Agadic e 11 produtoras

  Control Z, CTV, Ficción Producciones, Filmanova, Maruxiña Films, Portocabo, Produtora Faro, R, Treeline Distribution, Voz Audiovisual e Zenit TV participan desde hoxe na que é a meirande feira mundial para a compra-venda de contidos televisivos

  Esta misión comercial enmárcase no programa de promoción exterior do audiovisual galego que a Axencia Galega das Industrias Culturais mantén xunto ao Igape

'Films from Galicia' desembarca no mercado televisivo MIPCOM de Cannes da man da Agadic e 11 produtoras
[17/10/2016]
A Agadic e 11 produtoras audiovisuais conforman a delegación comercial de ‘Films from Galicia’ na 27ª edición do mercado MIPCOM, que se celebra desde hoxe en Cannes. As series e as ‘tv-movies’ supoñen o núcleo da oferta galega neste encontro, a principal cita internacional para a compravenda de todo tipo de formatos, programas e contidos televisivos.

A Agadic promove a presenza de Control Z, CTV, Ficción Producciones, Filmanova, Maruxiña Films, Portocabo, Produtora Faro, R, Treeline Distribution, Voz Audiovisual e Zenit TV no MIPCOM a través do programa de promoción exterior da industria audiovisual galega que desenvolve xunto co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) co obxectivo de favorecer a procura de compradores e socios internacionais para as producións e coproducións galegas.
 
É o caso de ‘Vidago Palace’, un proxecto que tomou forma a raíz dos contactos establecidos entre Portocabo e a empresa portuguesa HOP Filmes no I Encontro Profesional de Coprodución Audiovisual Portugal Galicia, organizado pola Agadic no marco do OUFF de Ourense. Esta serie, que está xa en proceso de rodaxe, materialízase como unha coprodución entre Televisión de Galicia e a RTP portuguesa. Portocabo tamén presenta no MIPCOM outra coprodución, ‘Os fillos do sol’, neste caso xunto á empresa catalá Diagonal TV para TVG e Televisió de Catalunya.
 
Proxectos subvencionados
Pola súa banda, Ficción Producciones participa en Cannes con ‘Tutu’, entre outros proxectos, unha serie de animación que o ano pasado foi seleccionada por RTVE na súa convocatoria de proxectos a coprodución. Tanto ‘Tutu, como ‘Vidago Palace’ e ‘Os fillos do sol’ son, á súa vez, series subvencionadas pola Agadic a través do programa axudas públicas á produción e coprodución audiovisual.
 
O resto das compañías acoden tamén cos seus últimos produtos e/ou proxectos, como a serie ‘Fontealba’ de Zenit TV. Moitos deles figuran, así mesmo, na última edición do catálogo ‘Films from Galicia’, que a Axencia Galega das Industrias Culturais está a difundir no Palacio de Festivais de Cannes, desde o espazo dedicado ao audiovisual de Galicia dentro do pavillón Audiovisual from Spain, promovido polo Instituto de Comercio Exterior (Icex). Ademais de dispoñer deste recinto para a promoción e a celebración de xuntanzas de traballo, os representantes das empresas galegas reciben tamén apoio económico para financiar parte dos gastos de viaxe, aloxamento e inscrición no evento.
 
Dentro desta mesma liña de internacionalización, este ano Galicia contou con representación nas feiras Marché du Film e MIPTV de Cannes, así como no European Film Market de Berlín, no Sunny Side of The Doc de La Rochelle e no Festival International du Court Métrage de Clermont-Ferrand.

-MIPCOM