O OUFF reformula o seu programa con novas seccións competitivas dedicadas a Iberoamérica e ás óperas primas

  Esta 21ª edición do Ourense Film Festival conta co apoio da Xunta a través da colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Secretaría Xeral de Política Lingüística

  A Agadic organiza no marco do certame ourensán o II Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia

O OUFF reformula o seu programa con novas seccións competitivas dedicadas a Iberoamérica e ás óperas primas
[18/10/2016]
O Ourense Film Festival (OUFF) presentou hoxe o programa da súa vixésimo primeira edición, que se desenvolverá do 28 de outubro ao 5 de novembro. Nela apóstase por unha nova estrutura de contidos con dúas novas seccións competitivas (Iberoamérica e Óperas Primas) e especiais temáticos nos que o cinema galego estará representado por 17 títulos.

A Consellería de Cultura e Educación volve apoiar este certame mediante un convenio de colaboración asinado entre o Concello ourensán e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), así como da achega da Secretaría Xeral de Política Lingüística na organización do programa OUFF Escola para a dinamización do galego a través do audiovisual.
 
Así o explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen participou neste acto de presentación xunto con Jesús Vázquez Abad, alcalde de Ourense; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Rosendo Fernández, vicepresidente primeiro da Deputación Provincial; Belén Iglesias Cortés, concelleira de Educación, Cultura e Comercio; e Fran Gayo, director artístico do festival.
 
Sutil destacou a traxectoria profesional de Fran Gayo, ao tempo que sinalou que a súa incorporación ao equipo do Festival de Cine Internacional de Ourense tradúcese nunha “nova estrutura, novos apartados, nova relación co cinema e cos principais festivais audiovisuais europeos”. Neste sentido, augurou que este será un OUFF “diferente, máis especializado, con máis personalidade e aínda máis rico en contidos”.
 
Encontro profesional e creación de públicos
En canto á colaboración da Agadic, enmarcouna dentro da súa  liña de traballo a prol da industria audiovisual galega, que desenvolve tanto a través do programa de subvencións públicas como do seu apoio a diferentes iniciativas que, como no caso do certame ourensán, fomentan o encontro entre os profesionais e maila formación e a creación de públicos.
 
O responsable da Axencia Galega das Industrias Culturais felicitou ao realizador galego Oliver Laxe polo Premio Cidade de Ourense, que se lle entregará durante o festival , e subliñou, ademais, o II Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, que a Consellería de Cultura e Educación está a organizar ao abeiro desta 21º edición. Con esta iniciativa búscase chegar a novas alianzas entre produtoras de ambos países, repetindo a boa resposta do ano pasado, cando se contou coa participación de 27 entidades e empresas galegas e portuguesas. Nese primeiro encontro, comezou a tomar forma, por exemplo, a serie televisiva ‘Vidago Palace’, que está a iniciar agora a súa rodaxe promovida pola galega Portocabo e a portuguesa HOP Filmes e coproducida pola TVG e a RTP lusa.
 
Galicia na programación
Galicia e os profesionais galegos terán tamén unha destacada presenza no resto da programación, comezando polo filme inaugural, ‘Santoalla’, un documental estadounidense sobre o asasinato dun cidadán holandés veciño da devandita parroquia de Petín.
 
En canto ás producións galegas ou dirixidas por realizadores galegos, o programa deste ano ofrécelle ao público un total de 17 longas e curtametraxes. Así, ‘Angélica (una tragedia)’, de Manuel Fernández-Valdés, e ‘Manuel Vilariño. Ser luz’, de José Manuel Mariño, exhibiranse na competición iberoamericana.  Manifestos proxectará as curtas ‘Jeanette’, de Xurxo Chirro en colaboración co alumnado do IES Sangriña da Garda, e ‘Montañas ardientes que vomitan fuego’ e ‘Sin Dios ni Santa María’, de Samuel M. Delgado e Helena Girón.
 
Ademais, a sección Síntomas programa o documental de Ángeles Huerta ‘Esquece Monelos’, a película de Nely Reguera ‘María (y los demás)’ e ‘Verengo’, de Víctor Hugo Seaone. E en Extramuros poderá verse ‘El pozo’, de Héctor Domínguez-Viguera; ‘O rebelde’, de Óscar Doviso; ‘Pelerinaxes’, de Simone Saibene; ‘Share o no Share’, de Juan Hosé Hervella Rego; ‘Visións’ de Xisela Franco e Beli Martínez; ‘Nación de muchachos’, de Javier Camino; e ‘We The Media’, de Héctor Carré.
 
Pola súa banda, a artista e realizadora limiá María Ruido protagonizará un dos apartados Foco da carteleira con ‘L’oeil Impérative’ e ‘Le rêve est fini’, mentres que Lois Patiño presentará a súa instalación ‘Tempo vertical’ e Juan Galiñanes manterá un encontro co alumnado que participará no OUFF Escola.

-OUFF