Fútbol e cinema centran un ciclo do CGAI co gallo do congreso internacional sobre Wenceslao Fernández Flórez

  A filmoteca galega ofrecerá mañá un percorrido en imaxes pola historia do Deportivo da Coruña con motivo do 110º aniversario do club branquiazul xunto cun coloquio no que está prevista a participación de Arsenio Iglesias e Constantino Fernández

  O venres e o sábado proxectaranse respectivamente os filmes ‘Campeones’ (1943) e ‘El sistema Pelegrín’ (1952), seleccionados pola súa vinculación con este deporte, así como con Galicia e o escritor coruñés

Fútbol e cinema centran un ciclo do CGAI co gallo do congreso internacional sobre Wenceslao Fernández Flórez
[19/10/2016]
O 110º aniversario do Real Club Deportivo da Coruña e a figura de Wenceslao Fernández Flórez como cronista futbolístico serán obxecto do coloquio e as proxeccións que acollerá mañá, ás 20.00 horas, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) como apertura do ciclo ‘De portería a portería: Fútbol e Cinema desde Galicia e A Coruña’.

Este programa forma parte das actividades do congreso internacional sobre o escritor coruñés que organiza a Fundación Wenceslao Fernández Flórez en colaboración con numerosas entidades públicas e privadas.
 
Na primeira sesión ofrecerase un percorrido en imaxes cinematográficas pola historia do Deportivo coa exhibición de oito fitas que abranguen desde 1932 ata 1970. O público poderá ver desde a crónica do partido Deportivo-Eiriña incluída no ‘Noticiario Folk nº 1’ ata diferentes NO-DO que recollen enfrontamentos co San Lorenzo de Almagro (1947), Atlético de Madrid (1956), Real Madrid e Nacional de Montevideo (1958), Valladolid (1964), Sporting de Lisboa (1964) e Celta de Vigo (1970), entre outros. 
 
O pase acompañarase dun coloquio no que, xunto co director do CGAI, Guillermo Escrigas, e o presidente da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, José Luis Castro de Paz, está prevista a participación de José Manuel Sande, concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento da Coruña; Constantino Fernández, presidente do Deportivo; Arsenio Iglesias, ex-xogador e ex-adestrador do club branquiazul; e os xornalistas Pepe Domingo Castaño e Rubén Ventureira.
 
Futbolistas no cinema
As dúas xornadas seguintes dedicaranse a ofrecer unha visión do mundo do fútbol desde a ficción cinematográfica a través de dous filmes vinculados tanto a Galicia como a Wenceslao Fernández Flórez. O venres, ás 20.30 horas, proxectarase ‘¡¡Campeones!!’, produción de 1943 dirixida polo coruñés Ramón Torrado. Nela interveñen algúns dos futbolistas máis famosos da época como Zamora, Quincoces, Pasarín ou Mesa.
 
O sábado, ás 18.00 horas, será a quenda de ‘El sistema Pelegrín’ (1952), con guión do propio Fernández Flórez e dirección de Ignacio F. Iquino. Fernando Fernán Gómez e Isabel de Castro son os protagonistas desta historia sobre un fracasado axente de seguros que consegue traballo nun colexio como profesor de ximnasia e adestrador de fútbol.
 
As tres sesións do ciclo ‘De portería a portería: Fútbol e Cinema desde Galicia e A Coruña’ son de acceso libre ata completar a capacidade da sala.

-Web do CGAI