A Agadic subvenciona a serie galego-portuguesa 'Vidago Palace', que emitirán a TVG e a RTP

  O coñecido hotel luso acolle as primeiras semanas de rodaxe desta coprodución, baixo a dirección de Henrique Oliveira, que en Galicia terá como escenario o Couto Mixto con Jorge Coira como responsable da segunda unidade

  A compañía galega Portocabo e a portuguesa Hop Filmes promoven este traballo conxunto, que impulsaron a raíz da súa participación no I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia

A Agadic subvenciona a serie galego-portuguesa 'Vidago Palace', que emitirán a TVG e a RTP
[24/10/2016]
O hotel Vidago Palace, en Portugal, acolleu hoxe a presentación da serie televisiva galego-portuguesa que leva o seu nome e onde se desenvolve unha parte da rodaxe. Un amplo equipo dos dous países grava desde inicios de mes esta coprodución da compañía galega Portocabo e a lusa HOP Filmes, en colaboración coa CRTVG e a RTP.
‘Vidago Palace’ conta, ademais, cunha subvención da Consellería de Cultura e Educación a través do programa de axudas ao sector audiovisual convocado anualmente pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe nesta presentación xunto coa directora da TVG, Rosa Vilas; o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo; e os representantes de diferentes entidades portuguesas. Na súa intervención, incidiu na relevancia deste proxecto como exemplo do camiño que se debe seguir nas relacións entre as industrias audiovisuais de ambas as beiras do Miño. De feito, a posta en marcha da serie recibiu o impulso definitivo a raíz da participación de Portocabo e HOP Filmes no I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto do Cinema e do Audiovisual (ICA) do país veciño ao abeiro da pasada edición do Ourense Film Festival (Ouff).
 
Segundo explicou Sutil, a segunda edición deste foro bilateral terá lugar este mesmo sábado 29, de novo no marco do festival ourensán, co obxectivo de que as compañías galegas e lusas continúen estreitando lazos cara á posta en marcha de novos proxectos comúns como ‘Vidago Palace’.
 
Dezaseis proxectos subvencionados en 2016
Este é, así mesmo, un dos 16 novos títulos apoiados pola Agadic a través da última convocatoria se subvencións a producións e coproducións audiovisuais. Jacobo Sutil explicou que para acadar esta axuda, concedida na modalidade de longametraxes e miniseries de televisión, a proposta superou un proceso de concorrencia competitiva que tivo en conta aspectos relacionados coa súa calidade obxectiva, a súa relevancia cultural, a súa achega ao sector e á promoción do talento audiovisual galego e mesmo a súa viabilidade económica e comercial.
 
A representación artística e técnica de ambos os países neste traballo é practicamente paritaria, e tanto os espectadores galegos como os portugueses poderán gozar do seu resultado a partir do ano que vén coa súa emisión, en formato de mini-serie, a través de TVG e RTP. Así, a rodaxe desenvolverase ata o 25 de novembro en dúas localizacións principais: o propio hotel Vidago Palace, baixo a dirección do portugués Henrique Oliveira, e as terras fronteirizas do Couto Mixto, en Verín, co galego Jorge Coira como responsable de dirección desta segunda unidade.
 
Profesionais galegos
Coira é tamén o xefe de montaxe e coguionista -xunto co propio Olveira, Araceli Gonda e Manuel Darriba- deste drama romántico, ambientado en agosto de 1936 arredor da historia de amor entre unha aristócrata portuguesa e o fillo do conserxe galego do hotel, co estalido da Guerra Civil como pano de fondo. No reparto de 30 actores e actrices, atópanse, así mesmo, os galegos David Seijo, Antonio Mourelos, Eva Fernández, David Novas, David Amor, Sheyla Fariña e José Antonio Touriñán, entre outros. Tamén figuran no equipo Ana Míguez e Alfonso Blanco na produción, Xavi Font na banda sonora e Antonio Pereira na dirección de arte.