Novas
O II Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia congrega en Ourense 22 entidades e produtoras



[27/10/2016]
A Agadic organiza xunto co Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) a segunda edición do Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, que reunirá este sábado en Ourense os representantes de 22 entidades e produtoras de ambos países. A cita será ás 10.00 h no Centro Cultural Marcos Valcárcel no marco do festival OUFF.O evento articúlase arredor de 44 reunións 'one to one', concertadas pola organización para que os responsables das compañías entren en contacto directo con potenciais socios estratéxicos cara á coprodución de novas propostas para cinema e televisión. Nesta segunda entrega do encontro, as empresas acreditadas chegarán a Ourense con máis de 25 proxectos en desenvolvemento, que na meirande parte dos casos consisten en longametraxes e series televisivas.
Empresas asistentes
Pola banda galega, ademais da Agadic e da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), participarán os responsables das empresas Aba Films, Abano Producións, Agallas Films, Comarea Producciones, CTV Media, Esnatu Zinema, Ficción Producciones, Filmanova, Ladybug Films, Portocabo, Produtora Faro e Social Docs.
En canto á delegación portuguesa, encabezada polo ICA e a Radio Televisão de Portugal (RTP), desprazaranse ata Ourense os representantes de Animais AVPL, HOP Filmes, Lightbox, SP Televisão, Take It Easy Film e Take 2000.
Intercambio de profesionais
O obxectivo desta segunda entrega do Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia é manter aberta unha canle de comunicación directa entre as empresas dos dous países cara á posta en marcha de proxectos comúns, que favorezan así mesmo o intercambio de profesionais técnicos e artísticos a ambas as beiras do Miño. É o caso da serie ‘Vidago Palace’, unha coprodución entre a TVG e a RTP que recibiu o impulso definitivo a raíz da participación de Portocabo e HOP Filmes na anterior edición deste foro de coprodución. Un equipo galego-portugués está a gravar nestes momentos os episodios desta miniserie que, ademais de en Portugal, se rodará no territorio fronteirizo do Couto Mixto, en Verín.
-II Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galciia no web do OUFF