O XXVI Festival de Jazz de Lugo difunde este xénero musical a través de 25 citas culturais

  O director da Agadic acompañou os organizadores na presentación da programación que se desenvolverá do 11 ao 20 de novembro en cinco espazos da cidade

  As actividades inclúen desde concertos ata ‘jam sessions’, pasando polas proxeccións do ciclo cinematográfico Documenta Jazz e unha clase maxistral do guitarrista estadounidense Dean Brown

O XXVI Festival de Jazz de Lugo difunde este xénero musical a través de 25 citas culturais
[07/11/2016]
O Festival de Jazz de Lugo presentou a carteleira da súa 26ª edición, que difundirá este xénero a través de 25 citas que terán lugar do 11 ao 20 de novembro en cinco espazos da cidade. Os concertos e as ‘jam sessions’ son as actividades centrais desta programación, que inclúe tamén o ciclo de cine Documenta Jazz e unha clase maxistral de Dean Brown.

O Círculo das Artes, o Club Clavicémbalo, o pub Ho! Gruf, a Casa do Saber da Universidade de Santiago e a escola Fábrica de Sons serán as sedes deste encontro musical que, baixo a organización da Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, volverá reunir en Lugo grandes figuras a nivel internacional e estatal, así como recoñecidas formacións do panorama jazzístico galego.
 
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou os organizadores nesta presentación, na que interviñeron tamén Carmen Basadre, concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua; Pilar García Porto, delegada de Cultura da Deputación Provincial de Lugo; Víctor Mantiñán, ‘product manager’ de 1906 e Son Estreñña Galicia; e Alberto Grandío e José Luis Díaz, en nome de Escobijazz.
 
Encontro de referencia
Jacobo Sutil destacou que o festival lucense xoga un papel de referencia “tanto por se centrar no ámbito especializado do jazz como xénero musical, como por actuar como un foco máis de atracción cultural para a cidade de Lugo e mesmo por se desenvolver cronoloxicamente fóra do circuíto de festivais de verán”.
 
Recalcou igualmente a calidade do jazz feito en Galicia por destacados intérpretes e compositores. Neste sentido, fixo referencia á plataforma dixital GalicianTunes, posta en marcha pola Agadic para difundir toda a música producida en Galicia, que reúne baixo este xénero máis de 50 solistas e grupos. Do mesmo xeito, sinalou que durante a celebración hai unhas semanas do mercado Womex en Santiago de Compostela e do programa previo Focus GaliciaTunes, se constatou unha vez máis que “a calidade do jazz galego é algo que lles sorprende gratamente aos representantes de festivais internacionais”.
 
En destaque
Na carteleira deste XXVI Festival de Jazz destacan grupos como The Cookers, integrado por sete figuras míticas da escena estadounidense, ou Donny McCaslin Quartet, a banda coa que David Bowie gravou o seu último disco. Tamén tocarán en Lugo os noruegos Pocket Corner e outras sobresaíntes formacións norteamericanas, como as encabezadas pola violinista Maureen Choi, o trompetista Jeremy Pelt, o pianista Bruce Brath e os guitarristas Jonathan Kreisberg e Dean Berown.
 
Así mesmo, figuran neste cartel relevantes nomes da escena jazzística estatal como o Gorka Benítez Trío, o Miguel Angel Chastanhg Quintet, Tumbando a Monk e Raynald Colom Quartet, xunto cos representantes do jazz galego Alfonso Calvo Septet, Alfredo García Quintet, Buxeiro Trío, 2M, Los Hot Chocolartes, Garufa Blue Devils Big Band e Marcos Pin & Paco Charlín.
 
O programa completo e a información sobre os diferentes sistemas de venda de entradas para cada un dos espazos está xa dispoñible no web www.jazzlugo.com.