O CGAI achégase ao documental arredor da Revolución cubana cun ciclo en colaboración co Museo Reina Sofía

  Mañá dará comezo na Coruña este programa, ao que a filmoteca galega lle dedica oito xornadas con 38 títulos rodados entre 1959 e 1972

  Xunto con pezas que constitúen un manifesto visual irrepetible, proxectarase unha escolma de filmes realizados en Cuba por cineastas estranxeiros durante este período

O CGAI achégase ao documental arredor da Revolución cubana cun ciclo en colaboración co Museo Reina Sofía
[14/11/2016]
O CGAI inicia mañá o ciclo ‘Por un cine imposible. Documental e vangarda en Cuba (1959-1972)’, que centrará as proxeccións na súa sede da Coruña os martes e mércores ata o 14 de decembro. O especial está programado en colaboración co Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, así como coa Cinemateca de Cuba.

O profesor e documentalista londiniense Michael Chanan é o comisario desta escolma de 38 títulos, que arranca mañá ás 20.30 horas cunha sesión dedicada aos primeiros anos tras a chegada do movemento revolucionario ao poder. Inclúese aquí un dos ‘noticieros’ semanais do cineasta Santiago Álvarez, coñecido como o Dziga Vertov cubano e figura central deste ciclo.
 
O recurso da metraxe encontrada
Nestes ‘noticieros’, Álvarez conecta os diferentes temas a través dun discurso político ou os converte en documentais monográficos que logo continúa en filmes máis extensos. Son, ademais, unha escola para os novos cineastas, onde se lles aprende a crear películas de xeito rápido e barato, aproveitando os materiais dispoñibles. Así, a metraxe encontrada ou ‘found footage’ convértese axiña nun recurso popular entre os documentalistas.
 
O ciclo propón un percorrido cronolóxico e temático polo documental cubano deste período, baixo os seguintes subtítulos: ‘Comezos’ (martes 15, 20.30 h), ‘Batallas’ (mércores 16, 18.00 h), ‘Longas loitas’ (mércores 16, 20.30 h), ‘Mulleres’ (martes 22, 20.30 h), ‘Alleos’ (mércores 23, 18.00 h), ‘Lente ancha’ (mércores 23, 20.30 h), ‘Perspectivas 1’ (martes 29, 20.30 h), ‘Terceiro mundo’ (mércores 30, 18.00 h), ‘Santiago Álvarez’ (mércores 30, 20.30 h), ‘Culturais’ (martes 23 de decembro, 20.30 h), ‘Perspectivas 2’ (mércores 14 decembro, 18.00 h) e ‘Perspectivas 3’ (mércores 14, 20.30 h).
 
Así, esta programación recolle o nacemento dun novo cine cubano a partir da chegada do movemento revolucionario ao poder, en que o documental xoga un papel primordial. Un dos seus teóricos será Julio García Espinosa, de quen o mércores 30 se exhibirá ‘Tercer mundo, tercera guerra mundial’, rodada en Vietnam en 1968 e unha das películas máis destacadas do ciclo como exemplo desta corrente experimantal. No seu manifesto ‘Por un cine imperfecto’, García Espinosa defende precisamente as imperfeccións deste tipo de cinema de urxencia e de baixo orzamento, confrontándoo co brillo das grandes producións cinematográficas que, desde o seu punto de vista, anulaban e cousificaban o público.
 
A pesares de que non conta coas novas cámaras de 16mm, que na década dos sesenta favorecen a estética do cine directo e do ‘cinéma verité’, o audiovisual cubano experimenta un aumento de proxectos e de cineastas que saen á rúa para narraren a actualidade e o contexto cambiante que os rodea.
 
Como contrapunto, ‘Por un cine imposible. Documental e vangarda en Cuba’ inclúe unha selección de filmes realizados na illa por cineastas estranxeiros chegados durante os primeiros anos da Revolución: desde Joris Ivens, quen acepta un convite do propio Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC), ata Chris Marker e Agnès Varda, que rodan por decisión propia testemuños puntuais de solidariedade.
 
A programación completa, así como a información sobre os horarios e a billeteira, pode consultarse no web www.cgai.gal.