Novas
O CGAI conmemora o 150º aniversario de Valle-Inclán cun ciclo sobre o esperpento no cinema español



[16/11/2016]
O CGAI súmase á conmemoración do 150º aniversario do nacemento Valle-Inclán cun ciclo de oito filmes que dan conta da irrupción do esperpento no cine español. Búscase establecer un paralelismo entre a transformación ética e estética nun tipo de cinema da posguerra e a levada a cabo polo impulsor do esperpento como xénero literario.O historiador do cine José Luis Castro de Paz, comisario do ciclo, presentará a sesión coa que comezará mañá, ás 20.30 horas, na sede coruñesa do CGAI. Farao con dous filmes de Edgar Neville –‘Verbena’ (1941) e ‘La torre de los siete jorobados’ (1944)– nos que se percibe xa o xermolo dunha corrente marcada tanto pola influencia de Valle-Inclán como polo seu contexto histórico.
Tras estes primeiros pases, o programa ‘Máis aló da adaptación: a irrupción do esperpento no cine español’ proxectará o 1 de decembro ‘Entierro de un funcionario en primavera’ (1958), de José María Zabalza, e ‘El inquilino’ (1957), de José Antonio Nieves Conde, títulos que Castro de Paz enmarca nesta tendencia como “fitos de excepcional importancia” que son a miúdo desprezados pola crítica e a historiografía.
‘El pisito’ e ‘Plácido’
A penúltima xornada terá como fío condutor o decisivo papel que no esperpento cinematográfico xogou o guionista Rafael Azcona, en colaboración con grandes realizadores. É o caso de ‘El pisito’ (1959), de Marco Ferreri, e ’Plácido’ (1961, na imaxe), de Luis García Berlanga, os dous filmes que poderán verse no CGAI o 20 de decembro.
Ambas películas poden situarse no cumio desta transformación cinematográfica xunto con ‘El mundo sigue’ (1963), filmada por Fernando Fernán-Gómez e que se programará o 21 de decembro. Ese mesmo día exhibirase tamén ‘Luces de bohemia’ (1985), a adaptación cinematográfica da coñecida obra teatral de Valle-Inclán dirixida por Miguel Ángel Díez.
-CGAI