A Agadic colabora co Clag na procura de alianzas empresariais para o noso audiovisual a través do pitching 'I+P'

  A décima edición desta iniciativa do Clúster Audiovisual Galego reúne en Santiago produtores cinematográficos e delegados de vendas nacionais e internacionais

  A xornada inclúe a presentación sucesiva de 15 proxectos de longametraxes e series de televisión, así como reunións bilaterais concretas

  En representación da Consellería de Cultura, participou na sesión de apertura o director da Axencia Galega das Industrias Culturais

A Agadic colabora co Clag na procura de alianzas empresariais para o noso audiovisual a través do pitching 'I+P'
[17/11/2016]
Un total de 15 proxectos audiovisuais foron hoxe os protagonistas da décima edición do ‘I+P Ideas para Producir’, unha sesión  de ‘pitching’ profesional organizada polo Clúster Audiovisual Galego co apoio da Consellería de Cultura e co obxectivo da procura de socios empresariais para a viabilidade económica das propostas de creadores e promotores. 

A celebrada esta mañá no Auditorio Abanca de Santiago Compostela é a décima edición desta iniciativa, destinada a reunir compañías e participantes individuais que buscan alianzas económicas para formalizar coproducións. As proxeccións e as reunións bilaterais concertadas serviron tamén para facilitar o contacto con exhibidores, programadores de antena e responsables de vendas internacionais cara á comercialización das coproducións que se atopan xa nun estado máis avanzado. 
 
Títulos galegos
Entre os proxectos de cine e televisión presentados están sete longametraxes, tres documentais, e cinco series e miniseries procedentes de Galicia, Madrid, Cataluña, Andalucía e País Vasco. Entre os títulos galegos atópanse ‘Tienes hasta las 10’, de Adivina Producciones; ‘El futuro de la mente’, de Agallas Films; ‘Manuel de Ulloa’, de Formato Producciones; ‘Cuñados’, de Portocabo; ‘Cinzas’, de Producciones Vigo-EISV; ‘Tea Time Monkeys-Art Time’, de Alexandre Couceiro ou ‘As Crisálidas’, de Matriuska Producciones.
   
‘I+P Ideas para Producir’ abriuse esta mañá coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen acompañou o presidente do Clag, Andrés Barbé, e os demais participantes e patrocinadores na explicación dos obxectivos e contidos da sesión diante dos inscritos, entre os que figuran 20 executivos e compradores de empresas e grupos audiovisuais nacionais e internacionais. De feito, o ‘I+P’ vén contando cun auditorio consolidado de importantes canles de televisión, distribuidoras e produtoras de ámbito nacional como receptores de máis de 230 proxectos ao longo dos seus nove anos anteriores de traxectoria.
 
Acción determinante
Na súa intervención, o director da Agadic expresou que levar a cabo a décima entrega deste encontro demostra a consolidación dunha acción que foi pioneira na súa fundación, en 2006, tanto polo seu formato como pola súa organización desde o propio sector. ‘Pasados todos estes anos, hai que recoñecerlle, ademais, o seu papel determinante á hora de facilitar acordos de coprodución e distribución de proxectos, cun resultado que pode medirse en moitos títulos que partiron destas reunións e que felizmente chegaron ás pantallas de televisión e de cinema”, declarou.
 
Engadiu que accións da natureza do ‘I+P’ suman vontades e medios para a correcta evolución e expansión dos proxectos, contribuíndo ao obxectivo que tamén comparte a Agadic, que é o de materializar o maior número posible de propostas e de facelo nas mellores condicións de desenvolvemento.
 
Nesta décima edición do ‘pitching’, o Clag conta, ademais de co apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), co do Concello de Santiago, da Compostela Film Commission, da compañía Music Library, do Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) e da Obra Social de Abanca.