O programa da novena feira Culturgal incide no dinamismo do sector con máis de 120 actividades

  Presentouse en Pontevedra a edición que terá lugar do 2 ao 4 de decembro no Pazo da Cultura para dar conta tanto das manifestacións artísticas que conforman o panorama cultural galego como dos novos xeitos de traballar neste ámbito

  O secretario xeral de Cultura explicou que a Xunta contribuirá a esta programación coa presentación de novas iniciativas impulsadas desde o Goberno galego, así como da actividade arredor do stand institucional

O programa da novena feira Culturgal incide no dinamismo do sector con máis de 120 actividades
[17/11/2016]
A organización de Culturgal fixo pública a programación da súa novena edición, que terá lugar no Pazo de Cultura de Pontevedra do 2 ao 4 de decembro. Serán máis de 120 actividades, tanto profesionais como para o público xeral, a través das que se busca dar conta do dinamismo do sector, así como dos novos xeitos de traballo en comunidade.

‘Cultura, comunidade, futuro’ é o lema de Culturgal 2016, que congregará 99 empresas e entidades expositoras no seu recinto feiral. Arredor del desenvolverase a meirande parte das actividades programadas nos chamados espazos Foro, Libro, Infantil, Carpa e Cine. O Auditorio do Pazo da Cultura acollerá, así mesmo, tres espectáculos especiais protagonizados por SonDeSeu (venres 2, 21.30 h), Budiño (sábado 3, 21.30 h) e María Fumaça (domingo 4, 12.00 h).
 
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), asistiron a esta presentación xunto con Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación Provincial; Manuel Bragado, presidente da Asociación Culturgal; e Xosé Aldea, director da feira, ademais dos representantes das entidades profesionais que agrupa a devandita asociación.
 
Foco de atención social
Na súa intervención, o secretario xeral de Cultura explicou que a Xunta vén apoiando esta Feira das Industrias Culturais co “convencemento de que necesitamos estes focos de atención social e de espazos compartidos para a proxección e a visibilidade da produción cultural galega e das nosas industrias culturais”.
 
Destacou tamén “a aposta pola idea de cultura e creatividade como selo imprescindible para o desenvolvemento social” e, neste mesmo sentido, afirmou que “Culturgal non é exclusivamente unha feira de vertente profesional, senón tamén unha feira cunha intención de chegada da actualidade creativa de Galicia ao conxunto da cidadanía, cun éxito de formato xa constatado”.
 
Segundo explicou, a Xunta de Galicia acompañará a propia feira, un ano máis, cun stand de proxección das programacións públicas culturais abordadas desde a Consellería de Cultura e Educación para o conxunto do territorio galego. Particularmente, das programacións desenvolvidas desde a Secretaría Xeral de Cultura, desde a Agadic, desde Política Lingüística e desde a Cidade da Cultura.
 
Stand da Xunta
Ademais, a consellería contribuirá á programación de Culturgal 2016 con algunhas propostas vinculadas ás actividades do departamento. En concreto, avanzou a presentación de novas iniciativas, como o programa Nortear de colaboración cultural entre Galicia e o Norte de Portugal. E, dirixidas á xente miúda, o stand da Xunta acollerá o sábado dúas propostas vencelladas ao programa de dinamización lingüística FalaRedes: a presentación do novo videoclip ‘A cidade’, co que Uxía e Magín Blanco completan a homenaxe a Manuel María do proxecto ‘Canta o cuco’, no marco da programación Letras Galegas 2016, e tamén a visita da familia Bolechas.
 
A Asociación Culturgal, da que forman parte catro asociacións profesionais –Escena Galega, Eganet, Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM)– que representan máis de 150 empresas do sector, encárgase cada ano da organización desta multitudinario evento, para o que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial.
 
Encontros profesionais
Ademais dos concertos e das presentacións de libros, películas e outros produtos culturais, abertos ao público xeral e cun apartado específico parta a oferta infantil, Culturgal conta tamén cunha oferta profesional como escenario para o debate, o diálogo e a procura de acordos. Así, o venres 2 Escena Galega organiza un encontro sobre as redes públicas de artes escénicas, para o que se contará coa participación do director da Agadic e de representantes de Cataluña e Portugal, mentres que a Agapi convoca para ese mesmo día unha xornada baixo o título ‘A que modelo de televisión pública aspiramos’.
 
En Culturgal 2016 haberá tamén lugar para a arte contemporánea a través da exposición ‘Pegadas na terra’, na que 18 artistas galegos amosan diferentes vías de se achegar á natureza. Paula Cabaleiro e Antón Sobral son os comisarios desta mostra que agrupa  escultura, instalación, fotografía, vídeo, pintura e debuxo.

-Culturgal