O Pazo da Cultura de Pontevedra recibe o Centro Coreográfico Galego con 'As catro estacións'

  As coreografías de Iker Gómez e Kenneth Tindall acompáñanse de proxeccións de imaxes nesta recreación contemporánea da popular obra de Vivaldi, que a compañía pública representará no escenario pontevedrés o sábado ás 21.00 h

  Mercedes Suárez dirixiu esta nova produción propia do CCG, que rematará a xira de 2016 do 1 ao 3 de decembro no Salón Teatro de Santiago

O Pazo da Cultura de Pontevedra recibe o Centro Coreográfico Galego con 'As catro estacións'
[24/11/2016]
O Centro Coreográfico Galego entra na recta final da xira que está a levar a cabo en 2016 con ‘As catro estacións’, a súa última produción propia, que representará este sábado 26, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. A coreografías deste espectáculo foron creadas especificamente por Iker Gómez e Kenneth Tindall.

A responsable do Centro Coreográfico, Mercedes Suárez, asumiu tamén a dirección desta montaxe, que ofrece unha recreación en clave contemporánea da famosa composición clásica de Antonio Vivaldi co obxectivo de continuar a difundir a danza entre o gran público. Neste caso, establécese un paralelismo coa paisaxe galega a través das coreografías contemporáneas e do onirismo das imaxes que se proxectan no escenario.

Elenco
As bailarinas Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses e Raquel Santacruz, e os bailaríns Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas conforman o elenco seleccionado a través dunha convocatoria pública de audicións. O corpo de baile preparou este espectáculo xunto aos creadores das catro coreografías que o integran: o director e videocreador vasco Iker Gómez, colaborador habitual no programa formativo do CCG e titular da súa propia compañía de danza; e mais o británico Kenneth Tindall, un dos valores emerxentes na creación coreográfica internacional, como demostra a súa recente designación nos Dance Awards Critics Circle.
 
Gómez asina as variacións de ‘Primavera’ e ‘Inverno’, en tanto que Tindall asumiu as de ‘Verán’ e ‘Outono’. Outros membros do equipo artístico son Christelle Horna como repetidora, Alberto Casas no deseño de luces, Antonio Cid no vídeo e Manuel Lemos no deseño e fotografía. Tanto o son do espectáculo como a produción e a realización do vestiario foron levadas a cabo polo persoal propio do Centro Coreográfico Galego.

Últimas funcións en Santiago
Estreado o pasado mes de setembro en Vigo, Pontevedra será a penúltima parada na xira de 2016 de ‘As catro estacións’, que este mesmo venres poderá verse tamén no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. A continuación, viaxará a Santiago de Compostela para ofrecer as súas tres últimas funcións do ano no Salón Teatro do 1 ao 3 de decembro.

As entradas para a representación no Pazo da Cultura  poden adquirirse na billeteira electrónica de Ataquilla.com, así como no despacho de billetes o propio sábado desde as 19.00 horas. ‘As catro estacións’ insírese no programa ‘Summun’, a través do que o espazo pontevedrés ofrece unha selección de espectáculos de relevancia no panorama escénico estatal. Ademais, forma parte da súa oferta ‘Black Friday’, que implica un 25% de desconto nas entradas para todas as funcións desta fin de semana.

-Web do Centro Coreográfico Galego
-'As catro estacións', no Pazo da Cultura de Pontevedra