A Agadic contribuíu á promoción de 11 filmes galegos en festivais de prestixio internacional

  Publícase a última adxudicación desta liña de axudas, a través da que se apoiou a presenza do noso audiovisual en Bos Aires, Locarno, Marsella, Montreal, Nova York, Róterdam, Toulouse, Toronto, San Sebastián, Sevilla, Sitges e Xixón

  Na listaxe figuran as longas ‘Angélica (una tragedia)’, ‘María (y los demás)’, ‘Migas de Pan’, ‘Mimosas’, ‘Sicixia’ e ‘Verengo’, e as curtametraxes ‘A liña política’, ‘Decorado’, ‘Einstein-Rosen’, ‘Montañas ardientes que vomitan fuego’ e ‘Tout le monde aime le bord de la mer’

  Con esta relación, complétase a concesión do total de 2.465.000 euros destinados ao programa anual de subvencións ao audiovisual galego

A Agadic contribuíu á promoción de 11 filmes galegos en festivais de prestixio internacional
[28/11/2016]
Un total de 11 produtoras contaron este ano cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para a promoción e a difusión de filmes galegos en 12 festivais cinematográficos de prestixio internacional celebrados fóra de Galicia.

Hoxe publicouse no web da Agadic a última adxudicación ao abeiro desta convocatoria, a través da que se destinaron 30.000 euros ás actividades promocionais vinculadas tanto a longametraxes como a curtametraxes de moi diferentes xéneros. Así, apoiouse a presenza do audiovisual galego en certames tan recoñecidos como o Bafici de Bos Aires, no que competiron Manuel Fernández-Valdés e Víctor Hugo Seoane con cadanseu documental: ‘Angélica (unha tragedia)’, que tivo aquí a súa estrea mundial, e ‘Verengo’, respectivamente.
 
Seleccións e premios
En canto ás longametraxes de ficción, atópanse nesta listaxe catro títulos que, ademais, contaron con subvención da Agadic para levar a cabo o seu proceso de produción. Desta volta, ‘Migas de pan’ (na imaxe), coprodución galego-uruguaia coa que Xamalú Filmes e a directora Manane Rodríguez optan á candidatura ao Óscar a mellor película en fala non inglesa por Uruguai, recibiu axuda polas súas seleccións no Montreal World Film Festival e no Festival Internacional de Cine de Gijón. Neste último certame, exhibiuse así mesmo  ‘Sicixia’, a película sobre a Costa da Morte asinada por Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes, que tamén figura nesta relación pola súa participación no festival Cinespaña de Toulouse, onde Marta Lado obtivo o premio á mellor interpretación feminina.
 
Zeitun Films é outra das produtoras adxudicatarias pola difusión de ‘Mimosas’, a última longa de Oliver Laxe, no Toronto International Film Festival e no Festival de Cine Europeo de Sevilla, onde obtivo o premio especial do xurado; mentres que Frida Films contou con achega económica para a estrea de ‘María (y los demás)’, de Nely Reguera, no Festival Internacional de Cine de San Sebastián.
 
Esta convocatoria, de adxudicación automática por orde de recepción das solicitudes, contempla igualmente a promoción internacional de curtametraxes, categoría na que se insiren cinco dos títulos apoiados este ano. Trátase de ‘A liña política’, coa que Santos Díaz estivo no Festival del Film de Locarno; ‘Decorado’, coa que Alberto Vázquez tamén se atopa na carreira dos Oscar e que, neste caso, recibiu axuda para a súa presentación na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes e no TIFF de Toronto; ‘Einsten-Rosen’, de Olga Osorio, para a súa estrea en Sitges dentro do Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña; ‘Montañas ardientes que vomitan fuego’, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, tamén exhibida no TIFF e no New York Film Festival; e ‘Tout le monde aime le bord de la mer’, de Keina Espiñeira, quen recibiu unha mención especial no International Film Festival Rotterdam e participou, así mesmo, no Festival International de Cinéma (FID) de Marsella.
 
Gastos financiados   
As produtoras recibiron diferentes contías por cada unha das devanditas seleccións, que
destinaron, entre outros gastos, a campañas de publicidade, elaboración e transporte do material promocional específico, contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para estes eventos, desprazamento e estadía no festival dun máximo de 5 persoas do equipo, e tiraxe e/ou subtitulado das copias.
 
Coa publicación desta última adxudicación, complétase a concesión do programa anual de subvencións da Agadic ao sector audiovisual galego mediante o que se distribuíu un total de 2.465.000 euros entre as convocatorias dirixidas á produción e coprodución audiovisual, promoción do talento, desenvolvemento de proxectos, organización de festivais e promoción en certames internacionais.

-Más información na sección de avisos deste web