O CDG e a asociación DramaturGA abordan a situación da escrita teatral galega nas xornadas Dramaturxente

  O encontro reunirá máis de trinta relatores do 8 ao 10 de decembro no Salón Teatro de Santiago para debater aspectos como a edición, a crítica, o texto fronte a ‘performance’, o teatro infantil, o papel da muller e as novas tendencias

  A matrícula é gratuíta e o prazo de inscrición manterase aberto ata o día 6

O CDG e a asociación DramaturGA abordan a situación da escrita teatral galega nas xornadas Dramaturxente
[29/11/2016]
As Xornadas sobre Dramaturxia Galega Dramaturxente reunirán do 8 ao 10 de decembro no Salón Teatro de Santiago destacados profesionais dos distintos ámbitos implicados na escrita teatral e a creación escénica. O Centro Dramático Galego (CDG) e a nova Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA organizan este encontro.

O obxectivo de analizar desde un punto de vista integrador a situación do sector en Galicia, ao tempo que se busca darlle unha maior visibilidade social. Así o explicou hoxe Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), durante a presentación destas xornadas na sede do CDG, onde compartiu mesa con Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego, e os representantes de DramaturGA Clara Gayo e Zé Paredes.
 
Máis de trinta relatores entre dramaturgos, creadores, estudosos, críticos e editores intervirán nas diferentes mesas de debate arredor das que se desenvolverá este evento, de matrícula gratuíta. O prazo de inscrición para profesionais e estudantes permanecerá aberto ata o 6 de decembro a través do formulario que se pode descargar no web www.centrodramatico.gal. O público xeral terá acceso libre ata completar a capacidade da sala.
 
Traballo conxunto
O responsable da Agadic enmarcou a organización de Dramaturxente na liña de traballo emprendida pola compañía pública baixo a dirección de Fefa Noia, quen definiu o traballo conxunto cos dramaturgos e dramaturgas como un dos eixos básicos da nova etapa do Centro Dramático Galego. Ademais, a súa chegada ao CDG coincidiu temporalmente coa posta en marcha este ano da nova asociación DramaturGA, que reúne autores e autoras dedicados especificamente á escrita teatral co obxectivo de visibilizar a súa actividade diante da sociedade e do propio sector das artes escénicas.
 
Así mesmo e a través da propia Axencia Galega das Industrias Culturais, a Consellería de Cultura e Educación vén apoiando este colectivo a través de iniciativas como a convocatoria dos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, Manuel María de literatura dramática infantil e Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidades adultos e infantil) que, na súa última edición, acaban de obter Manuel Lourenzo, Carlos Labraña, Roi Vidal Ponte e Inacio Vilariño, respectivamente.
 
En palabras de Jacobo Sutil, estes catro nomes son claros exemplos do que é a escrita teatral galega hoxe en día. “Constitúen a expresión dunha diversidade de xeracións, de temas e de estilos presentes nun rico panorama creativo que cómpre poñer en valor e difundir de xeito urxente”, asegurou, ao tempo que constatou a elevada produtividade neste eido, xa que a Agadic recibiu máis de 70 obras orixinais e inéditas na última convocatoria dos seus galardóns.
 
Programa
O dramaturgo e director de escena Manuel Lourenzo, gañador do XIII Álvaro Cunqueiro, será precisamente o encargado do relatorio inaugural das xornadas Dramaturxente, que terá lugar na tarde do xoves 8 cunha conferencia na que abordará a evolución histórica da dramaturxia galega, coas súas eivas e as súas conquistas.
 
Xa na xornada do venres, o programa articularase ao redor de tres mesas de debate baixo os títulos ‘Editar teatro, por e para que’ (con Afonso Becerra de Becerreá, Juan Luis Blanco Valdés, Manuel Bragado, Paco Macías, Afonso Ribas e Manuel Vieites), ‘Dramaturxia e crítica literaria’ (Zé Paredes, Camilo Franco, Inma López Silva, Roi Vidal e Manuel Xestoso) e ‘Texto/Performance: Dramaturxias escritas/non escritas’ (Julio Fernández, Afonso Becerra de Becerreá, Cristina Domínguez, Cándido Pazó, Marta Pazos e Ana Vallés).
 
O sábado terán lugar outras tres mesas –‘Teatro para nenas e nenos’ (Fran Godón, Paula Carballeira, Rosalía Fernández Rial, Carlos Labraña e Inacio Vilariño), ‘Mulleres na dramaturxia’ (Clara Gayo, María Armesto, Marta  Pérez, Mª Xosé Queizán e Vanesa Sotelo) e ‘Urdimes máis alá do drama’ (Antón Lopo, Antón Coucheiro, Javier Martín, AveLina Pérez, Xesús Ron e Carlos Santiago)–, que lles darán paso á sesión de conclusións das xornadas e ao encontro final dos asistentes.

-Programa

-Formulario de inscrición