O Centro Dramático Galego representa este xoves en Vigo a súa versión do 'Tartufo' de Molière

  O Teatro Afundación ofrecerá ás 20.30 horas unha función da última produción do CDG, dirixida polo galardoado Carles Alfaro

  Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres conforman o elenco desta peza, que reflexiona sobre a impostura e a manipulación

O Centro Dramático Galego representa este xoves en Vigo a súa versión do 'Tartufo' de Molière
[29/11/2016]
O CDGo avanza na xira de ‘Tartufo’, a súa última produción propia, coa que chegará este xoves día 1 a Vigo para ofrecer unha función ás 20.30 h no Teatro Afundación. O galardoado director valenciano Carles Alfaro é o responsable da posta en escena desta versión da famosa comedia de Molière, para a que contou cun equipo artístico e técnico galego.

O elenco componse de nomes xa indiscutibles do noso teatro xunto a novos valores que están a iniciar a súa traxectoria nos escenarios: Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres.
 
Tamén forman parte desta produción Baltasar Patiño no deseño da escenografía, Diego Valeiras no do vestiario, Anxo Graña na composición musical, Trini F. Silva na caracterización, Loli Ramos na tradución, Roi V. Ponte no asesoramento lingüístico e Vanesa Sotelo na asistencia de dirección.
 
Manipuladores e manipulados
A elección deste clásico do teatro francés para abrir a nova temporada do CDG tivo moito que ver co feito de que o propio Molière fora actor e, como tal, primara o traballo interpretativo para reflexionar desde a comedia sobre os perigos da impostura e do artificio. Tanto no orixinal como nesta adaptación, ‘Tartufo’ pon o foco sobre aquelas persoas que posúen a capacidade de detectar as debilidades e vulnerabilidades dos demais para empregalas no seu beneficio, pero tamén sobre aquelas que se deixan manipular de xeito máis ou menos consciente.
 
Trátase, segundo o director Carles Alfaro, dunha proposta lúdica e lúcida, que busca reflectir os claros e escuros da obra orixinal e, ao tempo, ser fiel á ollada tenra, crítica e burlesca, tamén cara a si mesmo, que caracteriza o conxunto da obra de Molière.
 
Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para a función de ‘Tartufo’ este xoves en Vigo está operativa a través do web entradas.ataquilla.com. Tamén se poderán adquirir fisicamente nos horarios habituais do despacho de billetes do Teatro Afundación.
 
‘Tartufo’, que se estreou o 23 de setembro en Santiago e puido verse tamén en Tui, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo e Pontevedra, continuará o seu percorrido galego ata finais de ano coas seguintes datas programadas: 3 e 4 de decembro no Teatro Principal de Ourense, 17 de decembro no Auditorio Municipal de Cangas e 30 de decembro no Teatro Jofre de Ferrol.

-Máis información no web do CDG