Novas
A Banda da Balbina ofrece dous concertos na Rede Galega de Música ao Vivo como gañadora do concurso Vas Sacar Nota?



[30/11/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación promove os concertos que A Banda da Balbina ofrecerá esta semana na Sala Sónar de Santiago e no Café Cultural Auriense de Ourense como grupo gañador do concurso musical ‘Vas sacar nota?’, que organiza cada verán a Radio Galega.Ambas actuacións insírense, así mesmo, na programación da Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto que xestiona a Agadic en colaboración con salas de toda Galicia. No caso da Sónar, o concerto terá lugar mañá día 1 de decembro, ás 22.30 horas, mentres que no Auriense está programado para o sábado 3, ás 21.30 horas.
Premios do xurado e do público
A Axencia Galega das Industrias Culturais mantén a súa colaboración con este certame convocado a ravés do programa ‘Somos quen’ e no que A Banda da Balbina obtivo o ano pasado os premios do xurado e do público coa canción ‘O marco’. Este tema está incluído en ‘Convertindo cuncas en ferrados’, o seu segundo álbum, que editaron este ano tras o seu debut discográfico en 2008 con ‘Estomballada’.
A Banda da Balbina conta no seu haber con outro galardón da Radio Galega, o Apologhit, que gañou en 2009 e que lle supuxo un importante impulso para levar a cabo numerosas actuacións por toda Galicia, compartindo escenario con Mercedes Peón, Festicultores ou Os Cuchufellos, entre outros.
Neste novo traballo discográfico, o grupo segue apostando polos ritmos festeiros e a retranca nas súas letras, unida á musicalidade da lingua galega.