O 'Tartufo' do CDG chega esta fin de semana a Ourense con dúas funcións no Teatro Principal

  O galardoado Carles Alfaro dirixiu a versión galega do clásico de Molière, que o público ourensán poderá ver este sábado, ás 20.30 h, e o domingo, ás 19.00 h

  Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres conforman o elenco do espectáculo, que reflexiona, desde a comedia, sobre a impostura e a manipulación

 O 'Tartufo' do CDG chega esta fin de semana a Ourense con dúas funcións no Teatro Principal
[01/12/2016]
A xira do Centro Dramático Galego (CDG) -unidade de produción teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais- con ‘Tartufo’, versión galega da coñecida comedia de ‘Molière’, pon rumbo cara ao Teatro Principal de Ourense, onde o espectáculo se representará este sábado 3, ás 20.30 horas, e o domingo 4, ás 19.00 horas.

O galardoado director valenciano Carles Alfaro é o responsable da posta en escena desta montaxe, para a que contou cun equipo artístico e técnico galego. Entre os profesionais implicados na última produción propia do CDG, atópanse nomes indiscutibles do noso teatro xunto a novos valores que están a iniciar a súa traxectoria nos escenarios.
 
Ademais dos 10 actores e actrices que integran o elenco (Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres), forman parte deste equipo Baltasar Patiño no deseño da escenografía, Diego Valeiras no do vestiario, Anxo Graña na composición musical, Trini F. Silva na caracterización, Loli Ramos na tradución, Roi V. Ponte no asesoramento lingüístico e Vanesa Sotelo na asistencia de dirección.
 
Primeira produción da temporada
A elección deste clásico do teatro francés para abrir a temporada 2016-2017 do CDG tivo moito que ver co feito de que o propio Molière fora actor e, como tal, primara o traballo interpretativo para reflexionar desde a comedia sobre os perigos da impostura e do artificio. Tanto no orixinal como nesta adaptación, ‘Tartufo’ pon o foco sobre aquelas persoas que posúen a capacidade de detectar as debilidades e vulnerabilidades dos demais para empregalas no seu beneficio, pero tamén sobre aquelas que se deixan manipular de xeito máis ou menos consciente.
 
Trátase, segundo o director Carles Alfaro, dunha proposta lúdica e lúcida, que busca reflectir os claros e escuros da obra orixinal e, ao tempo, ser fiel á ollada tenra, crítica e burlesca, tamén cara a si mesmo, que caracteriza o conxunto da obra de Molière.
 
Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para as dúas funcións desta fin de semana en Ourense está operativa a través do web entradas.ataquilla.com. Tamén se poden adquirir fisicamente no despacho de billetes do Teatro Principal, nos seguintes horarios: venres, de 12.00 a 14.00 h; sábado, de 12.00 a 14.00 e desde as 18.30 h; e domingo, de 12.00 a 14.00 e desde as 17.00 h.
 
‘Tartufo’, que se estreou o 23 de setembro en Santiago e puido verse tamén en Tui, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo e Pontevedra, represéntase esta mesma tarde no Teatro Afundación de Vigo. Tras o seu paso por Ourense, a xira entrará na súa recta final con dúas últimas funcións programadas: 17 de decembro no Auditorio Municipal de Cangas e 30 de decembro no Teatro Jofre de Ferrol.

-Información sobre a venda de entradas

-'Tartufo' no web do CDG