Manuel Lourenzo abre mañá en Santiago as xornadas 'Dramaturxente' para a análise da escrita teatral galega

  O Centro Dramático Galego e DramaturGA organizan este encontro, que reunirá máis de 30 relatores ata o 10 decembro no Salón Teatro

  Debateranse aspectos como a edición, a crítica, o texto fronte a ‘performance’, o teatro infantil, o papel da muller ou as novas tendencias

  O público xeral terá acceso libre ata completar a capacidade da sala

Manuel Lourenzo abre mañá en Santiago as xornadas 'Dramaturxente' para a análise da escrita teatral galega
[07/12/2016]
O dramaturgo e director de escena Manuel Lourenzo abrirá mañá ás 18:30 horas no Salón Teatro de Santiago ‘Dramaturxente’, as xornadas sobre dramaturxia galega actual organizadas polo Centro Dramático Galego e a nova asociación DramaturGA co obxectivo de analizar a situación do sector e darlle unha maior visibilidade social.

A presentación inaugural terá lugar ás 18:00 horas a cargo de Fefa Noia, directora do CDG, e de Zé Paredes, por parte de DramaturGA. A continuación, Manuel Lourenzo, un dos máis veteranos e prolíficos autores dramáticos galegos, que recibiu o pasado 16 de novembro o seu segundo Premio Álvaro Cunqueiro de Textos Teatrais convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), recibirá os máis de 50 participantes inscritos e a público xeral cunha exposición histórica sobre as eivas e as conquistas da dramaturxia galega, para dar paso despois a un encontro entre todos os asistentes. 
 
Máis de trinta relatores entre dramaturgos, creadores, estudosos, críticos e editores intervirán nos diferentes coloquios arredor dos que se desenvolverá este evento, no que se abordarán aspectos como a edición, a crítica, o texto fronte a ‘performance’, o teatro infantil, o papel do muller ou as novas tecnoloxías. O público xeral terá acceso libre ata completar a capacidade da sala.
 
Seis mesas de debate
Xa na xornada do venres, o programa articularase ao redor de tres mesas de debate baixo os títulos ‘Editar teatro, por e para que’ (ás 10:00 horas), con Afonso Becerra de Becerreá, Juan Luis Blanco Valdés, Manuel Bragado, Paco Macías, Afonso Ribas e Manuel Vieites; ‘Dramaturxia e crítica literaria’ (ás 12:30 horas), con Zé Paredes, Camilo Franco, Inma López Silva, Roi Vidal e Manuel Xestoso; e ‘Texto/Performance: Dramaturxias escritas / non escritas’ (ás 16:30 horas), con Julio Fernández, Afonso Becerra de Becerreá, Cristina Domínguez, Cándido Pazó, Marta Pazos e Ana Vallés.
 
O sábado terán lugar outras tres mesas. Así, ás 10:00 horas desenvolverase ‘Teatro para nenas e nenos’, con Fran Godón, Paula Carballeira, Rosalía Fernández Rial, Carlos Labraña e Inacio Vilariño; ás 12:30 terá lugar a titulada ‘Mulleres na dramaturxia’, na que intervirán Clara Gayo, María Armesto, Marta  Pérez, Mª Xosé Queizán e Vanesa Sotelo e, por último, ás 16:30 horas será a quenda de ‘Urdimes máis alá do drama’, moderada por Antón Lopo e con Antón Coucheiro, Javier Martín, AveLina Pérez, Xesús Ron e Carlos Santiago como relatores. Esta intervención dará paso á sesión de conclusións das xornadas e ao encontro final dos asistentes.

-Programa completo