O Teatro Principal de Ourense avanza a súa nova temporada con 23 citas en cartel

  Dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, promovida pola Agadic, ofrecerá os espectáculos ‘Eroski Paraíso’, ‘Soño dunha noite de verán’, ‘A noiva de Don Quixote’, ‘Tierra del fuego’, ‘Los malditos’ e o concerto de Óscar Ibáñez & Tribo

  O escenario ourensán será en maio unha das paradas na xira do CDG co espectáculo ‘Martes de Carnaval’, que levará ás táboas en galego as obras de Valle-Inclán ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’

O Teatro Principal de Ourense avanza a súa nova temporada con 23 citas en cartel
[15/12/2016]
O Teatro Principal de Ourense presentou hoxe a súa nova temporada de programación, que inclúe de xaneiro a xuño de 2017 unha vintena de citas coa escena e a música da man tanto de formacións galegas como de grandes nomes da dirección e da interpretación española, así como das compañías da XXII Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu).

O director da Axencia Galega das Industrais Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jacobo Sutil, participou esta mañá na rolda de prensa na que se avanzou a nova carteleira semestral xunto a Olga Mojón, directora do espazo ourensán, e a Aurelio Gómez, asesor de Cultura da Deputación Provincial de Ourense.
 
Como membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto para a distribución de espectáculos galegos promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Agadic, o Teatro Principal programa as últimas propostas das compañías galegas Chévere (‘Eroski Paraíso’, 13 e 14 de xaneiro), Voadora (‘Soño dunha noite de verán’, 12 de febreiro) e Eme 2 (‘A noiva de Don Quixote’, 9 de xuño), ademais da madrileña Producciones Teatrales Contemporáneas con ‘Tierra de fuego’ (22 de xaneiro), montaxe protagonizada por Alicia Borrachero, e a canaria Una Hora Menos Producciones con ‘Los malditos’ (19 de febreiro). En canto á musica, inclúese a través desta vía un concerto do gaiteiro Óscar Ibáñez& Tribo (11 de febreiro).  
 
Valle-Inclán polo CDG
Así o detallou na súa intervención Jacobo Sutil, quen engadiu que a colaboración a través da RGTA non será a única achega da Agadic a esta nova temporada: “O Teatro Principal mantén o seu obxectivo de difusión para o público ourensán dos traballos do Centro Dramático Galego, polo que a compañía institucional visitará esta cidade o 19 de maio, en función escolar, e o 20 de maio, para público xeral, cunha produción moi especial: será a montaxe, por fin en galego, das pezas de Ramón María del Valle Inclán ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’, que conformarán o espectáculo dobre ‘Martes de Carnaval’, baixo a dirección de Tito Asorey e Marta Pazos e cun elenco de dez actores e actrices”, explicou.
 
O director da Agadic destacou igualmente a multidisciplinariedade desta carteleira, “comprometida tanto coa proxección da produción galega e local como atenta aos éxitos nacionais e ás obras revelación dos festivais de maior prestixio”, ao tempo que engadiu que xunto coa súa destacada oferta teatral, o escenario da Deputación ourensá non desbota consolidar o seu papel como espazo de encontro para os seguidores da música de todos os estilos.
 
Grandes nomes da interpretación
Durante a primeira metade do ano, visitarán Ourense grandes nomes da interpretación a nivel estatal. É o caso de Pedro Casablanc co espectáculo ‘Yo, Feuerbach’; Maribel Verdú con ‘Invencible’, dirixido por Daniel Veronese; Josep María Flotats con ‘Serlo o no’; Aitana Sánchez Gijón coa lectura dramatizada de ‘Medea’ baixo a dirección de Andrés Lima; Blanca Portillo con ‘El cartógrafo’, escrito e dirixido por Juan Mayorga; e Héctor Alterio con ‘El Padre’, dirixido por José Carlos Plaza.
 
Pola súa banda, a programación musical brindaralle ao público distintos concertos como o de Aninovo da State Philharmonic Orchestra ou os incluídos no ciclo 'Enclave de cámara' e no festival ‘Pórtico do Paraíso’, entre outros, ademais da ópera ‘Turandot’ polo Teatro Nacional da Ópera de Moldavia.

-Web do Teatro Principal