A Aula de Teatro da USC estrea na sede do Centro Dramático Galego 'Cousas que trouxo a chuvia'

  Roberto Salgueiro é o autor e director da nova montaxe escénica da Universidade de Santiago, que se representará no Salón Teatro o luns 19 e o martes 20

  Julia Ammerman, Lara Pouso, Carmen Tomás e Alba López interpretan esta peza sobre as historias cotiás dun grupo de mulleres reunidas nunha abafante tarde de verán na que rompe a chover

A Aula de Teatro da USC estrea na sede do Centro Dramático Galego 'Cousas que trouxo a chuvia'
[17/12/2016]
O CDG volve abrirlle as portas da súa sede no Salón Teatro á Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que estreará neste escenario a súa primeira montaxe do curso 2016-17. ‘Cousas que trouxo a chuvia’ é o título deste espectáculo, escrito e dirixido por Roberto Salgueiro, que se representará o luns 19 e o martes 20, ás 21.00 h.

Julia Ammerman, ao piano, e Lara Pouso, Carmen Tomás e Alba López interpretan esta proposta que se desenvolve arredor dunha mesa de amasar nunha abafante tarde de verán na que rompe a chover. Xunto a elas, o público descubrirá historias cotiás sobre os veráns da infancia no campo, un pai ausente, unha nai que amasaba, a seriedade dunha profesora de balllet ou a fábrica na que se traballaba de sol a sol.
 
Entrada gratuíta
A entrada para ambas as funcións da Aula de Teatro da USC na sede do Centro Dramático Galego é libre ata completar a capacidade e previa retirada dos convites na billeteira do teatro, que estará aberta ao público o luns e o martes desde as 19.00 horas.  
 
Tras estas representacións, a carteleira de Nadal continuará co ciclo Gran Teatro para os Máis Pequenos. Este programa infantil inclúe tres espectáculos xunto a unha serie de obradoiros sobre o oficio escénico: ‘Xurdefet’, de Berrobambán, co Taller da Luz os días 22 e 23; ‘O poder de Amabel’, de Pérez&Fernández, co Taller de Monicreques os días 29 e 30; e ‘A danza da choiva’, de Elefante Elegante, co Taller do Son os días 7 e 8 de xaneiro.
 
Ademais, o 27 de decembro terá lugar o concerto de presentación do libro disco ‘Cantos de poeta’, primeiro traballo da banda Gelria.

-Blog da Aula de Teatro da USC