A Agadic colabora coa asociación d'Orfeu para a participación galega no circuíto musical portugués OuTonalidades

  Os artistas interesados deben inscribirse na plataforma dixital lusa ata o 31 de xaneiro para acceder ao proceso de programación para o último cuadrimestre de 2017

  A acción sitúase no marco de apoio á proxección exterior da cultura galega e para afondar nos vínculos coa lusofonía que establece a Lei 1/2014 de 24 de marzo

A Agadic colabora coa asociación d'Orfeu para a participación galega no circuíto musical portugués OuTonalidades
[21/12/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación cultural lusa d'Orfeu acadaron un acordo de colaboración para a participación de grupos musicais galegos na 21º edición do circuíto portugués OuTonalidades, que se desenvolverá no país veciño de setembro a decembro de 2017.

As bandas e solistas galegos, de calquera estilo musical, interesados en optar a esta programación teñen de prazo ata o vindeiro 31 de xaneiro para formalizar a súa inscrición na plataforma dixital de OuTonalidades, onde deben rexistrar todos os seus datos. 

Cos inscritos, d'Orfeu comporá unha bolsa de espectáculos pre-seleccionados dispoñibles, clasificados en función dos seus cachés de contratación. Posteriormente, os espazos adheridos a OuTonalidades serán os que escollerán os grupos que integrarán o calendario final de concertos.

Réxime de intercambio
A participación dos grupos estranxeiros en OuTonalidades só se permite aos que teñan establecido un intercambio mediante unha asociación ou entidade pública ou privada do seu país de orixe que garanta un sistema de intercambio con artistas portugueses. A Xunta, a través da Agadic e seguindo a súa política de proxección exterior para a cultura galega e para os espectáculos producidos en Galicia, será a administración que apoie esta iniciativa. A acción enmárcase, ademais, no cumprimento da Lei 1/2014 de 24 de marzo, de aproveitamento da lingua portuguesa e para afondar nos vínculos coa lusofonía, a coñecida como ‘Lei Paz-Andrade’.
 
OuTonalidades funciona desde 1997 como un circuíto de distribución e circulación da música ao vivo, que abrangue na actualidade teatros, auditorios e locais de toda a xeografía portuguesa, ademais doutros puntos da península ibérica e de Francia. Ademais, nos últimos dous anos estableceu alianzas con eventos internacionais lusos como os festivais Bons Sons e Andanças e con Brasil. Para o seu desenvolvemento, conta cos apoios da Direcção-Geral das Artes do Ministério da Cultura de Portugal, da Câmara Municipal de Águeda e do Instituto Português do Desporto e Juventude.