A Agadic abre o programa de axudas 2017 coas convocatorias para talento audiovisual e salas escénicas

  O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases polas que se rexen estas dúas liñas de subvención, para as que o prazo de solicitude rematará o 25 de xaneiro

  Mantense a dotación de 145.000 euros para apoiar os creadores audiovisuais na escrita de guión e na produción de curtas e longametraxes

  Destínanse 70.000 euros a impulsar a actividade das salas escénicas galegas de titularidade privada

A Agadic abre o programa de axudas 2017 coas convocatorias para talento audiovisual e salas escénicas
[23/12/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación abriu hoxe o seu programa de subvencións ao sector para o ano 2017 coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das bases das axudas dirixidas á promoción do talento audiovisual galego e á actividade das salas privadas de artes escénicas.

Con estas dúas convocatorias arranca o seu plan anual de apoio ás industrias culturais galegas co obxectivo de promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador no ámbito da cultura.

A estas dúas convocatorias, para as que o prazo de solicitude estenderase desde mañá 24 de decembro ao 23 de xaneiro, sumaranse nos vindeiros meses as do resto de apartados do programa anual de subvencións públicas da Agadic para impulsar os distintos procesos relacionados coa produción cultural, a súa promoción e a súa chegada ao público. Entre elas, as axudas a produción escénica, distribución interior e exterior de espectáculos, produción e coprodución audiovisual, desenvolvemento de proxectos audiovisuais ou festivais audiovisuais, de música e de artes escénicas.
 
Creación audiovisual
A Agadic mantén a dotación de 145.000 euros destinada ás subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego. Establécense tamén as mesmas modalidades que en anos anteriores para apoiar 13 novas propostas en versión orixinal galega. Así, 25.000 euros resérvanse para impulsar a escrita de cinco guións, 30.000 euros para a produción doutras cinco curtametraxes e 90.000 euros para a realización de tres longametraxes por directores noveis.
 
Estas axudas ao talento buscan favorecer a incorporación de novos creadores á industria audiovisual galega, coa finalidade de promover a xeración de novas propostas narrativas de especial valor cinematográfico e de contribuír ao enriquecemento cultural do país mediante as distintas formas de expresión audiovisual.
 
En concreto, o ano pasado seleccionáronse os proxectos presentados por Antón Corbal, Diana Toucedo e Berio Molina na categoría de produción de longametraxes;  Cora Peña, Alberto Vázquez, Alexandre Cancelo, Sonia Méndez e Xoel Méndez, na de guión; e Álvaro Fernández, Iván Nespereira, Olaia Sendón, Antonio García Mejuto e Carla Andrade, na de realización de curtametraxes.
 
Espazos escénicos
En canto ás subvencións para a actividade e o funcionamento das salas de artes escénicas de titularidade privada, resérvase a mesma partida orzamentaria de 70.000 euros que o ano pasado, co límite de concesión de 30.000 euros por cada entidade beneficiaria e ata o 50 por cento do orzamento do proxecto presentado.
 
Para optar a estas axudas, as persoas físicas ou xurídicas xestoras deste tipo de espazos, de non máis de 250 localidades de capacidade, teñen que presentar os seus proxectos de programación artística para 2017 xunto co resto da documentación requirida.
 
Os cinco espazos subvencionados o ano pasado foron Teatro Ensalle  e Sala Teatro Ártika de Vigo; Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña; e Ingrávida do Porriño.

-Tramitación en liña das axudas a talento

-Tramitación en liña das axudas a salas escénicas