Cantos na Maré lembrará a Narf con Guadi Galego, Manecas Costa, Paulo Flores, Celina da Piedade e Kátya Teixeira

  A edición de 2017 do Festival Internacional da Lusofonía celebrarase o 14 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra

  A directora artística, Uxía, e unha banda dirixida por Paulo Borges estarán tamén no escenario

  A Consellería de Cultura e Educación apoia cada ano este encontro profesional e musical que promove a empresa Nordesía

Cantos na Maré lembrará a Narf con Guadi Galego, Manecas Costa, Paulo Flores, Celina da Piedade e Kátya Teixeira
[26/12/2016]
Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, presentou hoxe en Pontevedra o programa da súa décimo terceira edición, que se celebrará o vindeiro 14 de xaneiro no Pazo da Cultura da cidade do Lérez e que será unha homenaxe a Fran Pérez ‘Narf’ a través da música de Guadi Galego e da doutros catro artistas de Portugal, Brasil, Guinea e Angola.

Así, a presenza do guineano Manecas Costa, a do angolano Paulo Flores, a da portuguesa Celina da Piedade e a da brasileira Kátya Teixeira centrarán unha das primeiras grandes citas musicais de 2017.
 
A directora artística de Cantos na Maré, a cantante Uxía, detallou na presentación o contido do festival promovido cada ano pola empresa Nordesía e que conta, entre outros, cos apoios da Xunta de Galicia, do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial. Representantes de todas as entidades implicadas participaron tamén no acto, ao que por parte da Consellería de Cultura e Educación asistiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.
 
Encontro destacado de culturas lusófonas
Na súa intervención, o director da Agadic fixo referencia á colaboración que ao longo dos últimos anos se lle vén prestando a Cantos na Maré desde a consellería, a través da convocatoria específica de subvencións destinadas a festivais musicais galegos, así como por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cualificou o evento de espazo destacado de encontro entre as culturas lusófonas e explicou que 'Cantos na Maré' cobra un sentido aínda máis necesario desde a entrada en vigor da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia e coñecida popularmente como ‘Lei Paz-Andrade’.
 
Jacobo Sutil tivo palabras de gabanza tanto para a carteleira artística como para o público do festival e para o encontro profesional que se realiza de xeito previo, así como para a figura de Narf "músico galego sen fronteiras que ben pode ser o símbolo de Cantos na Maré, por canto toda a súa carreira tivo de xenerosidade musical e de alento positivo a través da crenza firme na música como lugar común, feliz e posible, por riba dos territorios", expresou.
De feito, ademais da propia Uxía, coa que Narf tivo compartido gran cantidade de proxectos musicais, participará nesta vindeira edición de Cantos na Maré Manecas Costa, con quen o músico e compositor compostelán editou o celebrado traballo ‘Aló Irmão’ en 2009 e que é tamén parte importante desa comunidade musical que preside a filosofía do festival desde a súa primeira participación nel en 2005.
 
Europa, África e América
Desde África chegará, así mesmo, Paulo Flores, unha das principais referencias da música de Angola e defensor do ‘semba’, o estilo que resulta dun proceso complexo de fusión e transposición, sobre todo da guitarra, de segmentos rítmicos diversos, asentados fundamentalmente na percusión como elemento base das culturas africanas. 
 
Do outro lado do océano incorpórase Kátya Teixeira, unha cantora brasileira (de San Paulo) nada nunha familia de músicos, compositores e investigadores da cultura popular, que trae toda esa bagaxe e tamén o resultado das súas andainas e recollidas polo Brasil. A música de Teixeira incorpora todos eses saberes e sonoridades, facendo reverencia aos mestres populares e ás manifestacións culturais auténticas do Brasil.
 
E desde o Alentejo portugués virá Celina da Piedade co seu acordeón e coa súa voz, ademais de co seu inmenso carisma. No seu repertorio, os temas do cante alentexano crúzanse con novas melodías, composicións  propias e outros autores, como o arxentino Atahualpa Yupanqui, o brasileiro Gilberto Gil ou o portugués João Gil.
 
Outra das protagonistas seráGuadi Galego, unha das nosas grandes vocalistas galegas, quen representa neste momento un dos camiños máis arriscados na evolución da música galega de raíz cara a novos territorios, e consegue xuntar na súa figura artística a consagración e o valor do novo. De feito, chega a Cantos na Maré cargada con novas músicas procedentes do seu recentemente estreado álbum, ‘O mundo está parado’; e sostendo aínda o Premio Martín Códax da Música 2016 á mellor artista na categoría de canción de autor polo seu anterior traballo ‘Lúas de outubro e agosto’.
 
Os cinco artistas estarán acompañados por unha banda dirixida por Paulo Borges (director musical), coa presenza tamén no escenario de Uxía e doutro convidado aínda sen desvelar e que será anunciado nos vindeiros días.
 
As entradas para Cantos na Maré 2017 están xa á venda no web www.ataquilla.com.