O CDG pecha mañá en Ferrol a xira de 'Tartufo' tras máis de 30 funcións en 10 escenarios

  A derradeira representación desta versión galega da obra de Molière, dirixida por Carles Alfaro, dará comezo ás 20.30 horas no Teatro Jofre

  A montaxe primou o traballo interpretativo do elenco de 10 actores e actrices para reflexionar, desde a comedia, sobre os perigos das imposturas

O CDG pecha mañá en Ferrol a xira de 'Tartufo' tras máis de 30 funcións en 10 escenarios
[29/12/2016]
A xira do Centro Dramático Galego (CDG) coa produción ‘Tartufo’ chegará mañá á súa fin coa función que terá lugar ás 20.30 horas no Teatro Jofre de Ferrol. Concluirá así o percorrido deste espectáculo, asinado polo galardoado director valenciano Carles Alfaro, tras ter ofrecido un total de 31 representacións en 10 localidades.


Para a posta en escena desta versión da famosa comedia de Molière, Alfaro contou cun equipo artístico e técnico galego, incluído un elenco de 10 actores e actrices. Entre eles, atópanse nomes xa indiscutibles do noso teatro xunto a novos valores que están a iniciar a súa traxectoria nos escenarios: Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres.
 
Tamén contribuíron á materialización desta produción Baltasar Patiño no deseño da escenografía, Diego Valeiras no do vestiario, Anxo Graña na composición musical, Trini F. Silva na caracterización, Loli Ramos na tradución, Roi V. Ponte no asesoramento lingüístico e Vanesa Sotelo na asistencia de dirección.
 
Esforzo interpretativo
A elección deste clásico do teatro francés para abrir a nova temporada do CDG tivo que ver en gran medida co feito de que o propio Molière fora actor e, como tal, primara o traballo interpretativo para reflexionar desde a comedia sobre os perigos da impostura e do artificio. Tanto no orixinal como nesta adaptación, ‘Tartufo’ pon o foco sobre aquelas persoas que posúen a capacidade de detectar as debilidades e vulnerabilidades dos demais para empregalas no seu beneficio, pero tamén sobre aquelas que se deixan manipular de xeito máis ou menos consciente.
 
Trátase, segundo o director Carles Alfaro, dunha proposta lúdica e lúcida, que busca reflectir os claros e escuros da obra orixinal e, ao tempo, ser fiel á ollada tenra, crítica e burlesca, tamén cara a si mesmo, que caracteriza o conxunto da obra de Molière.
 
‘Tartufo’ estreouse o pasado 23 de setembro na sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago, onde permaneceu ata o 16 de outubro. O espectáculo puido verse tamén en Tui, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo, Pontevedra, Vigo, Ourense e Cangas.
 
Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para esta derradeira función de ‘Tartufo’ está activada a través da web do Concello de Ferrol (http://www.ferrol.es/jofre_es). Tamén se poden adquirir fisicamente nos horarios habituais do despacho de billetes do Teatro Jofre.

-Máis información