O CDG reactiva o programa de residencias no Salón Teatro co proxecto 'Política de terra queimada'

  A compañía Santa Nómina e a ESAD coproducen este espectáculo, que ocupará o escenario en ensaios desde hoxe ata o xoves 19 e se exhibirá ao público sábado e domingo

  O plan de apoio da compañía institucional a distintos procesos de posta en escena inclúe tamén este ano as montaxes de ‘Desconexión’, ‘Tropical’ e ‘Elisa e Marcela’

O CDG reactiva o programa de residencias no Salón Teatro co proxecto 'Política de terra queimada'
[16/01/2017]
O espectáculo ‘Política de terra queimada’, da compañía galega Santa Nómina, ocupará durante toda esta semana o escenario do Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde desenvolverá catro xornadas de residencia que culminarán con tres representacións diante do público o sábado ás 20.30 h e o domingo ás 18.00 h.

Este proxecto escénico da compañía galega Santa Nómina en coprodución coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia abre o plan de residencias de 2017 do Centro Dramático Galego (CDG), ao que se sumarán este ano outros tres títulos: ‘Desconexión’, ‘Tropical’ e ‘Elisa e Marcela’.
 
Germán Gundín, Merche Pérez, Antón Piñeiro, Diego Rodríguez e Amanda Seijas asinan colectivamente a creación de ‘Política de terra queimada’, a quen se lles une na interpretación a voz en off de Pablo Calvo para poñer en pé esta proposta sobre os conceptos de ecoloxía medioambiental e social. Para a súa escrita, os coautores seguen un modelo de ‘dramaturxia asociativa’, que hibrida e mestura distintas linguaxes e modalidades escénicas como o son o teatro ritual, a performance, a danza, o teatro de obxectos ou a música en directo. Son tamén os mesmos membros do equipo os que se fan cargo da escenografía, o vestiario, a iluminación, a música, o son ou o deseño de máscaras.
 
Novos creadores e dramaturxias
Con este proxecto, ademais, o CDG e a ESAD comezan unha liña de colaboración centrada no fomento do intercambio entre as dúas institucións para a incorporación dos artistas máis novos ao panorama escénico profesional. De feito, o denominador común do programa de residencias da compañía pública para 2017 é prestar apoio os creadores e creadoras galegas pertencentes ás novas xeracións e con con probada calidade no seu facer.
 
Deste xeito, os medios técnicos e humanos do Salón Teatro incorpóranse aos procesos de montaxe de distintos proxectos cun tempo de duración variable, a partir da solicitude das compañías e como xeito de prestar apoio ás principais necesidades de cada caso en canto a luz, son, atrezzo, xestión, etc. En paralelo, aténdese tamén á demanda da contribución para a posta en escena de pezas froito das novas dramaturxias galegas e da escrita de autores e autoras actuais no marco continuo ‘Dramaturxente’, que tamén desenvolve o CDG.
 
Variedade de propostas
Así, a ‘Política de terra queimada’ (que comparte estes días o escenario coa campaña escolar en horario matinal que está a levar a cabo Talía Teatro cos emblemáticos ‘Bicos con lingua’ e ‘Pelos na lingua’), sucederán nos vindeiros meses outras tres  residencias arredor dos espectáculos ‘Desconexión’, en febreiro; ‘Tropical’, en maio; e ‘Elisa e Marcela’, en setembro.
 
Santiago Cortegoso asina a dramaturxia e a dirección de escena de ‘Desconexión’, unha produción de Xurxo Cortázar con Crémilo (como produtora asociada e distribuidora) que interpreta o propio Cortázar xunto con Marián Bañobre (voz en off). Estará en residencia do 3 ao 9 de febreiro e ofrecerá funcións do día 10 ao 12. Pola súa banda, Elefante Elegante principiou xa o período de preprodución de ‘Tropical’, un espectáculo no que a compañía de Gonçalo Guerreiro e María Torres conta coas coreografías de Ánxela Blanco e o asesoramento antropolóxico de Carlos Diz. A súa residencia na sede do CDG será do 8 ao 11 de maio e as representacións do 12 ao 14. Xa en setembro, chegará ‘Elisa e Marcela, coprodución do CDG con A Panadaría como primeira actividade para a próxima temporada 2017-2018. O texto de Gena Baamonde, Esther F. Carrodeguas e o trío A Panadaría levarase ás táboas coa interpretación de Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Keldelman e cun equipo artístico integramente feminino. Neste caso, o período de residencia prolongarase 20 días: do 4 ao 24 de setembro; en tanto que se programarán catro representacións, do 26 ao 28 de outubro. 
 
A estes tres títulos uniranse as representacións no Salón Teatro do 19 ao 21 de maio de ‘Salvador’, espectáculo de Borja Fernández que realizou xa a súa residencia entre os pasados 11 e 15 de decembro de 2016.

-Cartel Residencias CDG 2017