A prensa especializada internacional faise eco da celebración en Galicia de Conecta Fiction

  Variety, Prensario Internacional, TTV News, Cine & Tele, LatAm Cinema ou Audiovisual 451 informan sobre este primeiro encontro de contidos de ficción para televisión entre Europa, América Latina e Estados Unidos de fala hispana

  A Agadic, o ICEX e a Fundación SGAE promoven esta iniciativa, que congregará responsables de cadeas de televisión, distribuidoras e produtoras de ambos continentes na Cidade da Cultura do 21 ao 23 de xuño

A prensa especializada internacional faise eco da celebración en Galicia de Conecta Fiction
[20/01/2017]
A próxima celebración en Galicia do encontro internacional Conecta Fiction, primeiro evento dedicado á ficción televisiva que conectará Europa con América Latina e Estados Unidos, está a ser obxecto de seguimento por parte da prensa especializada a través de diferentes medios de comunicación de alcance internacional.

Así, as plataformas dixitais de Variety, Prensario Internacional, TTV News, Cine & Tele, LatAM Cinema e Audiovisual 451, entre outras, fanse eco desta iniciativa que reunirá na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, do 21 ao 23 de xuño os representantes de cadeas de televisión, distribuidoras e produtoras de ambos continentes.
 
A meirande parte das informacións sobre Conecta Fiction, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, o ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE, coinciden en destacar a súa condición pioneira como necesario espazo de atención específica á puxante industria da ficción televisiva en fala hispana. Ao tempo, inciden nos motivos polos que Galicia será a sede da súa primeira edición: os seus lazos afectivos, culturais e históricos con América Latina, o empuxe do seu sector audiovisual e a colaboración institucional, entre outros.
 
Xunto coas tres entidades promotoras, Conecta Fiction 2017 contará tamén coa implicación da Fundación Cidade da Cultura, a Televisión de Galicia, o Concello de Santiago, o Clúster Audiovisual Galego (Clag), o Máster de Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) e a Fundación Media Europa. A súa produción core a cargo da empresa Inside Content.
 
Programa profesional
O encontro ponse en marcha co obxectivo de se converter nunha das citas de referencia no calendario internacional de convocatorias televisivas que, como no caso de London Content en Reino Unido ou de Series Mania en Francia, espertan un gran interese entre os profesionais do sector. Con tal fin, estase a pechar un programa centrado no talento, no financiamento e na produción, que lles dará prioridade á presentación e ao estudo de proxectos cara á negociación e o peche de acordos de coprodución.
 
Os ámbitos creativo e empresarial entrarán en contacto mediante a participación de produtores executivos, directores, guionistas, compositores, inversores, coprodutores, executivos de cadeas de televisión e plataformas OTT e distribuidores internacionais, entre outros profesionais. Ademais, está prevista a organización dunha serie de actividades para compartir este evento internacional co público xeral.

-Variety
-Prensario Internacional
-TTV News
-Cine & Tele
-LatAM Cinema
-Audiovisual 451

-Conecta Fiction