A relación de Camilo José Cela co cine centra o próximo ciclo do CGAI sobre o escritor

   No centenario do seu nacemento, recupéranse varias películas nas que participou e adaptacións das súas novelas á gran pantalla, como 'La colmena'

  O programa é idea do historiador José Luis Castro de Paz, quen deu cun guión perdido de Fernando Fernán Gómez baseado en 'La familia de Pascual Duarte'

  O ciclo desenvólvese coincidindo coa recta final da exposición que a Cidade da Cultura lle dedica ao Nobel galego

A relación de Camilo José Cela co cine centra o próximo ciclo do CGAI sobre o escritor
[23/01/2017]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI – Filmoteca de Galicia) celebra os cen anos do nacemento de Camilo José Cela co ciclo 'CJC, o centenario dun Nobel', que se desenvolverá o mércores 25 de xaneiro e o 15 de febreiro, coincidindo coa recta final da exposición que a Cidade da Cultura de Galicia lle está a dedicar tamén ao autor de Iria Flavia.

Programada polo historiador Jose Luis Castro de Paz, esta proposta de catro películas recupera algúns dos filmes nos que Camilo José Cela participou (‘El sótano’ e ‘Manicomio’), así como adaptacións das súas novelas como 'La colmena' ou 'La familia de Pascual Duarte'.
 
A relación de Cela co cine vén de longo e está presente dende os inicios da súa carreira. Xa en 1946 colabora nos diálogos de 'Consultaré a Mister Brown', filme de Pío Ballesteros hoxe desaparecido e, a partir de aí, participa de forma activa como co-guionista ou actor en diversas fitas ata os anos sesenta, cando o seu interese no cine semella decaer.
 
Apertura con ‘El sótano’
A primeira colaboración destacada é en 'El sótano', ópera prima do seu compañeiro de facultade Jaime de Mayora, que se lanza en 1949 a dirixir esta peza. Nela, un conxunto de habitantes nunha capital europea non especificada resgárdanse nun soto ante un bombardeo. Lectura do sentir da España de posguerra, aquí Cela escribe diálogos e ten un rol como unha desas almas que buscan refuxio.
 
O filme é a escolla de Castro de Paz para abrir o ciclo, que conta tamén con 'Manicomio', outra reflexión sobre as convencións da sociedade franquista, na que o escritor fai de intérprete para o seu colega Fernando Fernán Gómez, quen dirixiu esta película en 1953 xunto a Luis María Delgado.
 
Fernán Gómez e Cela, amigos dentro e fóra da pantalla
Foi precisamente Fernán Gómez quen quixo levar á gran pantalla 'La familia de Pascual Duarte'. Cela cedeulle os dereitos para que a adaptara, xunto a Francisco Rabal, que estaba destinado a ser o protagonista. Esta empresa nunca chegou a bo porto, mais as investigacións de Castro de Paz deron cunha versión deste guión perdido. Finalmente, 'La familia de Pascual Duarte' sería levada ao cine en 1975 por Ricardo Franco.
 
O ciclo recolle esta obra e remata ademais con 'La colmena', ese gran retrato do Madrid dos corenta, que levaría ás salas en 1982 Mario Camus. Cun importante reparto que incluía, entre outros, a Victoria Abril, Ana Belén, Concha Velasco ou a José Luis López Vázquez; a fita foi un éxito de crítica e público, gañando o Oso de Ouro na Berlinale. Aquí Cela tamén se reservou un pequeno papel como Matías Martí, inventor de palabras que comparte mesa na súa escena con outros poetas, un deles precisamente interpretado por Francisco Rabal. 'La colmena' é un dos cumios da obra literaria de Cela e está considerada como un dos maiores éxitos de Camus como cineasta.

[Imaxe: Fotograma con Camilo José Cela e Francisco Rabal en 'La colmena']

-Web do CGAI