A Rede Galega de Teatros e Auditorios aposta polas montaxes de gran formato na súa nova programación

  Hoxe presentouse a primeira carteleira semestral de 2017, que ofrecerá 321 actuacións escénicas e musicais en 43 espazos

  Ademais de manter a liña ascendente en investimento, funcións e compañías, confírmase como tendencia o aumento da produción e da contratación de espectáculos con máis de sete intérpretes en escena

A Rede Galega de Teatros e Auditorios aposta polas montaxes de gran formato na súa nova programación
[24/01/2017]
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto de exhibición de espectáculos promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) en colaboración cos espazos asociados, acaba de iniciar o seu novo ciclo semestral de programación durante o que ofrecerá un total de 321 actuacións en 43 escenarios de 39 municipios.

Para desenvolver este primeiro período de actividade de 2017, que inclúe teatro, danza, música, maxia e novo circo, conta cun orzamento superior aos 922.000 euros, dos que 471.074 corresponden á Agadic e 451.699, ás entidades locais titulares dos teatros e auditorios.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, detallou os principais datos e indicadores que se reflicten desta carteleira, maioritariamente galega, que presentou hoxe en Santiago de Compostela xunto á presidenta da asociación Escena Galega, Belén Pichel. Destaca entre eles a positiva recuperación da aposta polas montaxes de gran formato, tendencia que –subliñou– xa se puxera de manifesto na anterior convocatoria pública de axudas da Agadic á produción escénica, para a que se rexistrou un considerable aumento do número de propostas presentadas por compañías profesionais galegas á modalidade de espectáculos con máis de sete intérpretes en escena.
 
Neste sentido, entre os espectáculos con maior percorrido nesta axenda semestral atópanse as catro producións subvencionadas en 2016 na categoría de gran formato (‘A cabeza do dragón’, de PT Excéntricas; ‘Soño dunha noite de verán’, de Voadora, ‘O tolleito de Inishmaan’, de Acontrabutaca Producións; e ‘Ubú Rei’, de Talía Teatro), dirixidas por referentes da nosa escena como son Quico Cadaval, Marta Pazos, Cándido Pazó e Roberto Salgueiro, respectivamente.
 
Estreas absolutas
En tres destes casos estamos a falar, ademais, de estreas absolutas no seo da Rede Galega de Teatros e Auditorios e moi agardadas no panorama teatral galego. Son, en concreto, ‘Soño dunha noite de verán’, que se estreará no Pazo da Cultura de Narón o 11 de febreiro; ‘A cabeza do dragón’, no Teatro Principal de Santiago o 3 de marzo; e ‘Ubú Rei’, que chegará a Narón tamén o 3 de marzo.
 
En palabras do director da Agadic, os datos deste primeiro semestre de 2017 reafirman o papel da Rede Galega de Teatros e Auditorios como o principal circuíto para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional.
 
Oferta variada e descentralizada
Xunto coa Rede Galega de Salas, a Rede Galega de Música ao Vivo e Cultura no Camiño (os outros tres circuítos de distribución de espectáculos xestionados pola Axencia Galega das Industrias Culturais), a RGTA garante a estabilidade na programación escénica e musical de produción galega, ao tempo que lles achega aos espectadores unha oferta ampla, plural e aberta, tanto no que se refire aos seus contidos como á súa descentralización xeográfica.
 
De feito, neste semestre a RGTA despregará a súa carteleira en escenarios de 39 localidades: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo, A Estrada, A Rúa, Ames, Arteixo, As Pontes, Betanzos, Boiro, Burela, Cambados, Cangas, Carballo, Cedeira, Cee, Foz, Gondomar, Lalín, Monforte de Lemos, Muros, Narón, Noia, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Oleiros, Ortigueira, Ponteareas, Redondela, Ribadeo, Sada, Tui, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e Viveiro.
 
O seu funcionamento vén avalado por unha traxectoria continuada desde 1996 e que, nos últimos dous anos, mantén unha liña ascendente cun considerable incremento no seu orzamento (un 28,8% respecto a 2015), pero tamén no número de compañías contratadas (un 16,4% máis que hai dous anos) e de funcións (un 23,9% máis que en 2015).
 
Neste primeiro semestre de 2017, serán 109 formacións artísticas profesionais –máis do 90% delas galegas– as que levarán a cabo as 321 funcións en rede, das que 265 son de teatro, 27 de música, 20 de danza, 6 de maxia e 3 de novo circo. Ademais, do total de actuacións, 140 están recomendadas para público infantil e familiar.
 
Esta programación pode consultarse na axenda da web de Cultura da Xunta (www.cultura.gal/axenda) e na da Agadic (www.agadic.gal/Axenda).