A publicación de 'Tartufo' con Edicións Positivas abre a colección do CDG 'O papel do teatro'

  O libro, de 96 páxinas, tapa branda e fotografías a cor, recolle o texto da versión en galego do ‘Tartufo’ de Molière que produciu o pasado ano o Centro Dramático Galego

  Trátase dunha coedición entre Positivas e a Axencia Galega das Industrias Culturais

  Pódese adquirir ao prezo de 9,50 euros través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia e nos principais establecementos galegos

A publicación de 'Tartufo' con Edicións Positivas abre a colección do CDG 'O papel do teatro'
[26/01/2017]
A versión ao galego do ‘Tartufo’ de Molière é o primeiro número da nova colección de libros ‘O papel do teatro’, promovida polo Centro Dramático Galego (CDG) e realizada en réxime de coedición entre Edicións Positivas e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A publicación en papel, de tapa branda e cun formato de 21x14 cm, recolle ao longo de 96 páxinas a tradución da obra do dramaturgo francés –en versión de Eva Alarte e Carles Alfaro– asinada por Loli Ramos Duarte. Sobre este texto o CDG construíu o espectáculo estreado no Salón Teatro de Santiago de Compostela o pasado setembro e representado ata finais de ano por distintos escenarios galegos.
 
O volume, que reproduce na capa o cartel co que se difundiu esta montaxe, complétase con fotografías a cor e cun texto introdutorio de Carles Alfaro, director da posta en escena, no que explica algunhas das claves da súa proposta sobre as táboas. Nela, reflexiónase desde a comedia sobre os perigos da impostura e do artificio, poñendo a atención naquelas persoas que posúen a capacidade de detectar as debilidades e a vulnerabilidade dos demais para empregala no seu beneficio.
 
Tamén se presenta a ficha técnica e artística cos nomes de todo o equipo que traballou para o espectáculo, así como dos actores e actrices do elenco: Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres.
 
Para o futuro
‘Tartufo’ abre así a colección ‘O papel do teatro’, unha iniciativa de Fefa Noia, directora do CDG, para darlle cabida aos textos producidos pola compañía pública que non teñan sido traducidos ao galego con anterioridade e publicados en soporte papel. A finalidade é retomar e continuar coa tarefa de edición de pezas dramáticas no noso idioma que se viña facendo por parte do CDG desde os seus inicios co obxectivo de que poidan estar a disposición dos lectores no futuro.
 
O libro pode mercarse xa, a un prezo de 9,50 euros, a través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia e distribuirase tamén aos principais puntos físicos de venda galegos.

-Enlace á Libraría Institucional da Xunta de Galicia