O cineasta de culto portugués Pedro Costa visita o CGAI para presentar a súa obra

  Mañá arranca o ciclo dedicado ao director, autor dunha filmografía que se caracteriza por construír as fitas durante a rodaxe e levar aos extremos as posibilidades das cámaras dixitais, dando pé a unha linguaxe que o converteu en referencia internacional

  Gañador do Leopardo de Ouro de Locarno por 'Cavalo dinheiro', o realizador participará o venres e o sábado en dous coloquios arredor da súa serie caboverdiana, rodada no barrio lisboeta de Fontainhas, e das súas influencias cinematográficas

 O cineasta de culto portugués Pedro Costa visita o CGAI para presentar a súa obra
[30/01/2017]
O CGAI proxectará desde mañá e ata o sábado 4 boa parte da obra do cineasta portugués Pedro Costa. Considerado un dos máis grandes directores europeos do momento, Costa labrouse a súa sona a base de inventar literalmente o seu propio método de filmación e de sacarlle o máximo partido ás posibilidades das cámaras dixitais.

Onde outros ven defectos que intentan corrixir, el xoga coas imperfeccións dos píxeles e os límites destes aparellos para compor verdadeiros lenzos que tenden á abstracción. Este estilo, combinado coa súa metodoloxía de rodaxe, foi o que o puxo no foco da cinefilia internacional e valeulle a súa consideración como realizador de culto no actual panorama independente.
 
Xa desde hai anos, o realizador traballa case exclusivamente con habitantes de orixe caboverdiana do barrio lisboeta de Fontainhas. Alí convive con eles durante meses e mesmo anos, filmando paulatinamente as súas obras e sen un plan de rodaxe pechado, polo que as súas películas se cociñan a fogo lento. A retrospectiva que lle dedica o Centro Galego de Artes da Imaxe arranca con dous dos títulos desta serie caboverdiana: ‘Casa de Lava’ (mañá martes, 20.30 h) e ‘No Quarto da Vanda’ (mércores 1 de febreiro, 19.30 h).
 
Proxección e coloquio
O último título nesta serie é 'Cavalo dinheiro' (na imaxe), gañadora do prestixioso Leopardo de Ouro no festival de Locarno. Continuación da que quizais sexa a fita máis coñecida do autor, 'Juventude Em Marcha' (xoves 2, 20.30 h), que foi estreada en Cannes en 2006, retoma aquí o personaxe máis celebre de Costa, Ventura, como figura central. Será esta peza a que o director presentará persoalmente o próximo venres día 3 (20.30 h) na sede da filmoteca galega na Coruña, ofrecendo ademais un coloquio sobre esta fita e o resto que conforman a serie.
 
Na súa nova entrega sobre esta comunidade periférica de Lisboa, o realizador leva os seus preceptos políticos e estéticos aos límites máis extremos da súa filmografía. Ventura viaxa no tempo nunha estrutura narrativa propia dun soño, nunha espiral de recordos difusos e de escenificacións de eventos pasados que falan da súa situación persoal como inmigrante caboverdiano e serven, ao tempo, de reflexión en clave poética sobre a historia recente de Portugal. A crítica estivo de acordo en considerar que 'Cavalo diñeiro' supón un paso de xigante na evolución da linguaxe fílmica do seu realizador.
 
Adicionalmente, no ciclo proxectaranse os clásicos do cine portugués 'Os Verdes Anos' (xoves 2, 18.00 h) e 'Mudar de Vida' (venres 3, 18.00 h), ambos os dous de Paulo Rocha, autor clave do Novo Cinema Portugués dos anos sesenta e referente de moitos cineastas actuais, incluído o propio Costa. De feito, este estivo recentemente involucrado na restauración e recuperación dos títulos de Rocha que poderán verse esta semana no CGAI.
 
De quen tamén recibe unha forte herdanza é de Jacques Tourneur, especialmente da súa obra mestra 'Yo anduve con un zombi'. Esta película pechará o ciclo o sábado 4 (17.30 h), cunha introdución de Pedro Costa na que falará das súas múltiples influencias, poñendo en contexto estes filmes con respecto dos seus e conversando sobre o que recibiu destes mestres.
 
Master class no MAC
Este especial que o CGAI lle dedica a Pedro Costa prográmase coincidindo coa master class que o cineasta portugués ofrecerá o sábado, ás 19.00 h, no Museo de Arte Contemporánea (MAC) Gas Natural Fenosa dentro do seu ciclo ‘Cine/Fotografía: contactos’, comisariado por Javier Trigales. A matrícula nesta clase maxistral é gratuíta, previa inscrición no teléfono 981 911 476 en horario de apertura do museo.

-CGAI