O Teatro Municipal de Tui presenta a súa nova programación semestral con 10 citas de teatro, música e cinema

  Sete destes espectáculos preséntanse neste escenario a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  A xira do CDG con 'Martes de Carnaval' recalará tamén no espazo tudense

O Teatro Municipal de Tui presenta a súa nova programación semestral con 10 citas de teatro, música e cinema
[27/01/2017]
O Teatro Municipal de Tui presentou esta mañá o número 33 da Axenda Cultural Corredoira, na que se inclúen 10 citas co teatro, a música e o cinema, das que unha boa parte correponden á programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Ademais, o CDG regresará a este escenario con 'Martes de Carnaval', a súa próxima produción.

Participaron nesta presentación o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; e a concelleira de Cultura, María José González; así como Fran Núñez, director e actor de Limiar Teatro; Xandre Vázquez, produtor de Educa Teatro; Cándido Pazo, director de Contraproducións, e Artur Trillo, director de Talia Teatro.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou a aposta inequívoca do concello pola cultura  “coma elemento necesario  na vertebración dunha sociedade”. Referiuse a que a axenda cultura, que conta cunha longa tradición, mantén un altísimo nivel. Afirmou que esta axenda seguirá sendo un éxito, avanzando que está traballando para que se reforce o seu carácter transfronteirizo.

A concelleira de Cultura, pola súa banda, que o obxectivo é continuar consolidando o traballo realizado ao longo da última década e manter e reforzar a aposta por unha programación de alto nivel, que non tería sido posible sen a alianza coa Rede Galega de Teatros e Auditorios que fornece boa parte dos espectáculos previstos. Detallou María José González que a programación presentada esta mañá, orzamentada en 25.000 euros dos que o 40% é aportado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), consta de 10 espectáculos de teatro, música e cinema.

O Teatro Municipal de Tui continúa a ser un dos puntos culturais de referencia de Galicia con 10 espectáculos caracterizados pola súa variedade e calidade. Como vén sendo habitual, a programación destaca ademais por estar destinada a tódolos públicos, co 50% das obras para público adulto e o outro 50% para infantil.

Valle en galego
Entre as catro obras destinadas ao público adulto, dúas son de gran formato con até dez actrices e actores galegos sobre o escenario. O Centro Dramático Galego (CDG) levará a Tui unha nova mirada do Martes de Carnaval de Valle Inclán, obra na que nunha duración de 120 minutos, os dez intérpretes póñense ás ordes de Tito Asorey e Marta Pérez. Pola súa parte, Contraproducións representará O tolleito de Inishmaan na que, con oito actrices e actores, o público sentirase atrapado polo humor e a tenrura dun teatro tan noso como irlandés.  Trátase, en palabras do seu director, Cándido Pazó, dun “drama disfrazado de comedia”. Pazó destaco así mesmo que “Tui está entre eses lugares que un quere visitar pola súa programación cultural diversa e de calidade”.

Completan a programación adulta o humor de Menú da Noite de Carlos Blanco e Luis Davila e o drama de Foucellas, de Talía Teatro, obra que “aproveita as vivencias de Foucellas levándoas a problemas universais como o fracaso vital”, segundo apuntou o director da compañía, Arturo Trillo.

Os nenos e nenas serán partícipes da programación con 4 espectáculos destinados especificamente para eles.  Trátase da Sirenita, de La Canica, Feo!, de Caramuxo Teatro, Don Quixote, unha comedia gastronómica, de Limiar Teatro e Carapuchiña Vermella, de Educa Teatro.  Fran Núñez, director e actor de Limiar Teatro explicou que farán en Tui unha función especial en Tui co público no escenario, nunha obra na que levan máis de 200 funcións. Mentres o produtor de Educa Teatro, Xandre Vázquez, asegurou que “hai unha serie de localidades en Galicia que son referencia e Tui é sen dúbida unha delas”. Achegarán unha adaptación actualizada da Carapuchiña Vermella  con banda sonora orixinal e na que  os nenos participarán activamente.

Cinema
No caso do cinema, o Teatro Municipal acollerá a proxección de dous filmes, un para público adulto e outro para infantil. Este último é o caso de O espírito do bosque, de Dygra Films, que relata a historia dos animais enfrontados á destrución do seu hábitat.  Por último, Sicixia, dirixida por Ignacio Vilar, achegará a historia de un enxeñeiro que se mergulla na idiosincrasia da cultura da Costa da Morte.

A Axenda Cultural Corredoira -da que se editan 15.000 exemplares que son distribuídos tanto en Tui coma en Valença- recolle, así mesmo, os eventos previstos neste primeiro semestre do ano coma a celebración do Entroido en febreiro, unha nova edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, do 22 ao 26 de marzo, as festas patronais de San Telmo en abril, e as feiras de artesanía e do libro no mes de maio.