A Agadic apoia a actividade semestral de cinco salas escénicas galegas financiándolles 59 funcións

  Sala Gurugú e Teatro del Andamio da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago e Teatro Ensalle de Vigo son os escenarios de titularidade privada que conforman a Rede Galega de Salas

  Un total de 25 compañías actuarán ata o 30 de xuño como parte desta programación, na que sobresae a oferta dirixida ao público infantil e familiar

A Agadic apoia a actividade semestral de cinco salas escénicas galegas financiándolles 59 funcións
[03/02/2017]
A Agadic programará durante este primeiro semestre de 2017 un total de 59 representacións escénicas como parte da oferta cultural que achega a través da Rede Galega de Salas (RGS), integrada por Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago de Compostela e Teatro Ensalle de Vigo.


Estes cinco espazos conforman este circuíto de exhibición de espectáculos, financiado integramente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic.
 
Contribúese deste xeito ao mantemento da actividade destas salas escénicas de titularidade privada e capacidade reducida, que han de reunir os requirimentos para o desenvolvemento das actuacións de xeito profesional. Neste primeiro período de programación anual son 25 as compañías que dan forma á carteleira da Rede Galega de Salas, para a que se conta cun orzamento próximo aos 27.500 euros.
 
Décimo aniversario
Este circuíto cumpre este ano o seu décimo aniversario ofrecendo unha carteleira de propostas moi diversas e cunha ampla presenza das novas tendencias e das montaxes  especialmente dirixidas ao público infantil e familiar nas fins de semana. Así por exemplo, Teatro del Andamio acollerá Caramuxo con ‘Ñam’ mañá sábado ás 18.00 h e o domingo ás 12.30 e ás 18.00. Tamén mañá, ás 18.30h, na Sala Gurugú, actuará dentro da RGS Títeres Cachirulo coa produción para bebés ‘Cu-cú, tas-tás’.
 
A meirande parte dos espectáculos preséntanse na Rede Galega de Salas da man de formacións galegas. Ademais das citadas, A Illa dos Nenos, Baobab, Ghazafelhos, Danthea Teatro, Elefante Elegante, Títeres Alakrán, Magín Blanco, A Xanela do Maxín, Katarsis, Xarope Tulú, Teatro do Miolo, Os Náufragos ou O Retrete de Dorian Gray son algunhas das compañías que presentarán títulos para público familiar; en tanto que os adultos poderán ver nestes escenarios as montaxes de Borja Fernández, Funboa Escénica, La Macana, Antagonista ou Chévere, entre outros. A programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.

[Na imaxe, títeres do espectáculo Cu-cú, tas-tás]