A Agadic promove as curtas galegas no festival de Clermont-Ferrand baixo a marca 'Shorts from Galicia'

  Conta cun espazo de difusión no mercado deste prestixioso encontro francés, desde o que distribúe o catálogo de 2017 coas novas curtas de Helena Girón & Samuel M. Delgado, Alberto Vázquez, Olga Osorio, Lois Patiño, Diana Toucedo e Lucía Estévez

  Alberto Vázquez, que se alzou con dous premios Goya o pasado sábado, competirá con ‘Decorado’ na sección Labo e presentará pases especiais de ‘Psiconautas’

  A representación galega esténdese ao foro de coprodución Euro Connection, no que Olga Osorio defenderá ‘Mouras’, unha das 15 propostas europeas seleccionadas

A Agadic promove as curtas galegas no festival de Clermont-Ferrand baixo a marca 'Shorts from Galicia'
[06/02/2017]
‘Shorts from Galicia’, a marca da Agadic para a promoción exterior de curtametraxes, está presente desde hoxe na 32ª edición do mercado do Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand (Francia), o principal encontro internacional para os profesionais involucrados na produción, difusión e distribución deste formato audiovisual.

Como en anos anteriores, a prestixiosa cita marca o inicio da distribución da nova edición anual do catálogo de ‘Shorts from Galicia’, que en 2017 estrea imaxe e ofrece unha escolma de seis traballos: ‘Montañas ardientes que vomitan fuego’, de Helena Girón e Samuel M. Delgado; ‘Decorado’, de Alberto Vázquez; ‘Einstein-Rosen’, de Olga Osorio; ‘Fajr’, de Lois Patiño; ‘Homes’, de Diana Toucedo, e ‘Volver allí’, de Lucía Estévez.
 
Os dous Goyas de Vázquez
Ademais de formar parte desta publicación promocional, Alberto Vázquez, gañador de dous premios Goya o pasado sábado, e Olga Osorio acoden á localidade francesa como creadores seleccionados na sección Labo e no foro de coprodución Euro Connection, respectivamente. No primeiro caso, a curta ‘Decorado’, que obtivo o Goya á mellor curtametraxe de animación e na que participa como coprodutora a compañía galega Abano, dá un novo paso adiante na súa destacada traxectoria no circuíto internacional de festivais coa súa inclusión no programa de competición que Clermont-Ferrand lle dedica aos traballos máis alternativos.
 
O programa feiral do xoves día 9 inclúe, así mesmo, unhas proxeccións especiais de ‘Psiconautas’, a outra película de Vázquez, neste caso longametraxe, que tamén se alzou co Goya 2017 á mellor fita de animación de española. O director coruñés será o encargado de realizar a presentación destes pases.
 
Pola súa banda, Olga Osorio terá oportunidade de presentar o seu proxecto ‘Mouras’, subvencionado pola Agadic a través da última convocatoria de axudas á produción e coprodución audiovisual, diante dos profesionais acreditados no encontro Euro Connection. A súa é unha das 15 propostas europeas e a única española seleccionada para ser exposta neste foro, centrado na procura de coproducións a nivel europeo a través de sesións de ‘pitching’ e reunións personalizadas.
 
'Stand' con espazo propio
En canto á presenza galega no mercado do festival, o audiovisual galego dispón dun espazo propio dentro do ‘stand’ paraugas coordinado polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e compartido con outros organismos autonómicos e entidades de Andalucía, Madrid, Canarias, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura e País Vasco, ademais de con varias das principais distribuidoras españolas no ámbito das curtametraxes.
 
Desde este espazo estase a distribuír entre os profesionais acreditados (representantes de produtoras, distribuidoras, televisións, festivais e axentes de vendas internacionais) a nova edición do catálogo 'Shorts from Galicia', así como o vídeo promocional de 2017. As seis curtametraxes que lle dan forma foron elixidas por unha comisión especializada tras unha convocatoria pública aberta pola Agadic, á que se presentaron 40 traballos de realizadores galegos. Seguindo un criterio artístico, a través desta escolma búscase dar conta do bo momento creativo do noso audiovisual, procurando tamén un equilibrio entre títulos que contan xa cun moi destacado percorrido en festivais internacionais, como ‘Montañas ardientes que vomitan fuego’, ‘Decorado’ ou ‘Einstein-Rosen’ con outros que están a comezalo, como ‘Fajr’ ou ‘Homes’, ou mesmo inéditos, como ‘Volver allí’.  
 
Colaboración de Galicia Calidade
Ademais, este ano a Agadic conta coa colaboración de Galicia Calidade para ofrecer unha degustación de produtos galegos no marco da recepción conxunta que terá lugar mañá pola tarde no pavillón de ‘Shorts from Spain’ e á que están convidados todos os delegados internacionais acreditados.
 
O de Clermont-Ferrand é o primeiro dos oito encontros nos que o audiovisual galego contará con representación este ano no marco do programa de internacionalización que a Agadic desenvolverá en 2017 co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a colaboración do Clúster Audiovisual Galego (Clag) e da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).
 
Este calendario feiral inclúe, así mesmo, o European Film Market de Berlín (Alemaña), que comeza este xoves en paralelo á Berlinale, o MIPTV, o Marché du Film e o MIPCOM de Cannes (Francia), o Sunny Side Of The Doc da tamén localidade francesa de La Rochelle, o Ventana Sur de Bos Aires (Arxentina) e o ConectaFiction, que terá lugar en xuño en Santiago de Compostela  como primeiro evento dedicado á ficción televisiva que conectará Europa con América Latina e Estados Unidos. Neste último caso, a Agadic é unha das entidades promotoras da cita xunto con ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE.

-Catálogo 'Shorts from Galicia' 2017
-Web do Festival de Clermont-Ferrand