A Academia Galega do Audiovisual anuncia as candidaturas finalistas aos XV Premios Mestre Mateo

  Os gañadores nas 25 categorías daranse a coñecer o 4 de marzo na Coruña, nun acto organizado pola AGA co apoio da Consellería de Cultura e Educación

A Academia Galega do Audiovisual anuncia as candidaturas finalistas aos XV Premios Mestre Mateo
[07/02/2017]
A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer hoxe as candidaturas finalistas aos Premios Mestre Mateo 2017, que celebran este ano a súa décimo quinta edición coa película 'María (y los demás)' e a serie 'Dalia, a modista' como os títulos que reúnen maior número de opcións de gañar estes galardóns o vindeiro 4 de marzo.  



Os actores María Vázquez e Federico Pérez foron os encargados de anunciar esta mañá os nomes das producións e profesionais do audiovisual que optan aos galardóns nas 25 categorías, nun acto que tivo lugar na sede compostelá da SGAE e que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do director da Axencia Galega das Industrias Cultura, Jacobo Sutil.
 
Os filmes ‘María y los demás’, ‘Cen anos de perdón’, ‘Mimosas’ e ‘Migas de pan’; as series de televisión ‘Dalia, a modista’ e ‘Serramoura’; o documental ‘Esquece Monelos’, os programas de televisión 'Land Rober Tunai Show' e 'Zig Zag Diario', e os actores e actrices Luis Tosar, Federico Pérez, Miguel Ángel Blanco, María Mera e María Lados son algúns dos traballos e profesionais que optan este ano aos galardóns.
 
Apoio á proxección da industria audiovisual galega
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic, apoia un ano máis a Academia Galega do Audiovisual (AGA) na organización destes premios e tamén dunha serie de actividades paralelas para reforzar o papel dos galardóns, que contribúen á proxección social da industria galega do cinema e da televisión.
 
Os gañadores dos XV Premios Mestre Mateo daranse a coñecer o próximo 4 de marzo nun acto que terá lugar no Palexco da cidade da Coruña. Ademais desta cerimonia, que será retransmitida pola Televisión de Galicia, o programa de actividades da décimo quinta edición dos premios complétase con iniciativas como os Encontros Mestre Mateo de profesionais do audiovisual con estudantes das escolas galegas de imaxe e son, coas Proxeccións Mestre Mateo para promover os traballos gañadores e candidatos e coa colaboración con outras academias e entidades do resto do Estado para difundir as obras premiadas fóra de Galicia.

-Listaxe completa de nominacións na web da Academia Galega da Audiovisual