As redes de espectáculos coordinadas pola Agadic confirman a súa progresión en actividade e público

  O director da Axencia expuxo hoxe no Parlamento de Galicia que o incremento conxunto de funcións e concertos nas catro principais programacións durante 2016 foi dun 11,11 por cento

  Jacobo Sutil anunciou unha reformulación da Rede Galega de Música ao Vivo para facer este circuíto de locais máis eficiente e axeitado ás demandas dos músicos

As redes de espectáculos coordinadas pola Agadic confirman a súa progresión en actividade e público
[09/02/2017]
As programacións das Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas, Rede Galega de Música ao Vivo e de ‘Cultura no Camiño’ sumaron en 2016 un total de 1.260 funcións e concertos en toda Galicia, o que supón un incremento do 11,11 por cento respecto ao número de actividades levadas a cabo nos mesmos circuítos en 2015.

Así o expresou hoxe no Parlamento o director de Agadic, Jacobo Sutil, quen compareceu en Comisión para explicar a repercusión desta continuada oferta escénica e musical promovida e coordinada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
 
No caso da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o director da Agadic manifestou que se trata da principal canle para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional, á que dota de estabilidade na súa programación habitual. Así, durante 2016 rexistrou 544 funcións (13,33 por cento máis que en 2015) en 44 escenarios de 38 concellos e dispuxo dun investimento total de 1.418.087 euros (achegado entre a Xunta de Galicia e os concellos asociados). Declarou que tamén evoluciona á alza o número de espectadores que gozan desta carteleira, xa que dos 55.650 de 2013 se pasou os 84.193 en 2016, o que, tomando só como referencia o incremento interanual 15-16 supón un aumento do 13 por cento.
 
Máis afluencia tamén ás salas
Jacobo Sutil explicou que o ascenso de público tamén é significativo na Rede Galega de Salas, que malia a desenvolver en 2016 tres funcións menos que o ano anterior nos cinco espazos membros, medrou porén un 22 por cento na súa afluencia de asistentes, chegando ás 4.202 entradas.
 
No que respecta aos 34 locais que conforman a Rede Galega de Música ao Vivo, o director da Agadic comunicou que o número de concertos tivo aumentado nun 3,7 por cento e o de espectadores nun 16 por cento, ata conseguir a cifra de 12.645. En relación a este circuíto, que se mantén xunto coa Asociación de Salas Clubtura, anunciou a apertura dun proceso de negociación e estudo entre todas as partes implicadas para a súa reformulación a partir de 2018, “de modo que sexa máis eficiente e máis útil para o desenvolvemento profesional dos músicos que nel participan”, engadiu.      
 
En marcha ‘Cultura no Camiño’ 2017
Tamén destacou o amplo avance do programa ‘Cultura no Camiño’, compartido nos últimos anos entre a Agadic, Turismo de Galicia e distintos concellos polos que discorren as rutas xacobeas. “Cumpriu a súa cuarta edición en 2016 cuns datos que non teñen nada que ver –dixo– cos da primeira do 2013, cando cun investimento conxunto de 146.512 euros se fixeron 105 funcións en 42 localidades”. “O pasado ano, o orzamento foi de 535.611 euros para 369 actuacións en 99 concellos de toda Galicia”, concretou.
 
Precisamente mañá, día 10 de febreiro, abre o prazo para que tanto as formacións de calquera modalidade artística (teatro, danza, maxia, novo circo, narración oral, música de todos os estilos...), así como os concellos interesados poidan inscribirse na que será a edición de 2017 de ‘Cultura no Camiño’, a desenvolver entre o 15 de abril e o 30 de setembro.
 
Sutil concluíu a súa intervención expoñendo que os obxectivos das programacións culturais da Agadic son os de conseguir que a cultura galega en vivo chegue á maior parte da cidadanía e ao maior ámbito xeográfico posibles, e que o faga coa maior estabilidade temporal, ademais de facilitarlles aos programadores e mediadores culturais financiamento, mecanismos e ferramentas para a mellor execución do seu traballo.