'Films from Galicia' desembarca no mercado da Berlinale coa súa delegación máis numerosa

  A Agadic conta coa colaboración do IGAPE na organización desta misión comercial de 12 produtoras galegas ao European Film Market de Berlín

  Abano Producións, CTV, Cuarta Parede Films, Frida Films, Gaita Filmes, Ladybug Films, Matriuska Producciones, Numax Distribución, Ollo Vivo, Portocabo, Vaca Films e Zeitun Films procuran acordos de coprodución, vendas e distribución

'Films from Galicia' desembarca no mercado da Berlinale coa súa delegación máis numerosa
[13/02/2017]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e 12 produtoras integran a delegación comercial de ‘Films from Galicia’ no European Film Market (EFM) de Berlín, conformando a representación galega máis numerosa nesta feira internacional que se desenvolve ata o vindeiro día 17 en paralelo á Berlinale. 

Esta misión enmárcase dentro do programa de internacionalización do audiovisual galego, que este ano se estenderá a oito mercados de referencia mundial e para o que a Agadic volve contar co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e coa colaboración do Clúster Audiovisual Galego (Clag) e da Asociación Galega de Produtoras Independente (Agapi).
 
No European Film Market atópanse xa os representantes de Abano Producións, CTV, Cuarta Parade Films, Frida Films, Gaita Filmes, Ladybug Films, Matriuska Producciones, Numax Distribución, Ollo Vivo, Portocabo, Vaca Films e Zeitun Films, que acoden a este encontro con cadansúa carteira de títulos tanto en proxecto como en fase de produción ou xa rematados. O obxectivo é lograr acordos de coprodución, vendas e distribución internacional, para o que están a desenvolver numerosas reunións con axentes de todo o mundo.
 
Novos proxectos
É o caso de Abano Producións, que está a difundir tres dos seus novos proxectos: ‘Unicorn Wars’, a que será a segunda longametraxe de Alberto Vázquez, recente gañador dos dous Goyas ás mellores curta e longa de animación; ‘As troitas cantan ao mencer’, que será rodada en 3D estereoscópico baixo a dirección de Alexia Muíños; e ‘O soño da sultana’, fita de animación que será a ópera prima da multipremiada directora de curtas Isabel Herguera.
 
Tamén son tres os títulos cos que viaxou a Berlín a produtora Matriuska: as longas de ficción ‘A estación violenta’, de Anxos Fazáns, a piques de comezar rodaxe; e ‘¿Qué hicimos mal?’, de Liliana Torres, en fase de desenvolvemento; así como o documental ‘A media voz’, de Patricia Pérez e Heidi Hassan.
 
Esta é, ademais, a primeira vez que CTV, Cuarta Parede Films, Gaita Filmes, Numax Distribución e Ollo Vivo forman parte da misión comercial de ‘Films from Galicia’ á feira do festival de Berlín, ata onde tamén se desprazaron os programadores do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas, que o vindeiro 1 de marzo pechará o prazo de recepción de propostas.
O European Film Market é, despois do de curtas de Clermont-Ferrand que acaba de rematar, o segundo dos oito encontros nos que o audiovisual galego terá presenza este ano no marco do programa de internacionalización da Agadic. Este calendario feiral inclúe, así mesmo, o MIPTV, o Marché du Film e o MIPCOM de Cannes (Francia), o Sunny Side Of The Doc da tamén localidade francesa de La Rochelle, o Ventana Sur de Bos Aires (Arxentina) e o ConectaFiction, que terá lugar en xuño en Santiago de Compostela.
 
Stand no Martin-Gropius-Bau
As empresas galegas contan no EFM cun espazo propio para o desenvolvemento de xuntanzas de traballo e a difusión das súas producións dentro do pavillón de Cinema from Spain no recinto feiral do Martin-Gropius-Bau. A Agadic forma parte del xunto ao ICEX España Exportación e Inversiones, o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), a Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais (FAPAE) e outros organismos autonómicos. Desde este espazo achégaselle tamén aos axentes de vendas internacionais a nova edición para 2017 do catálogo ‘Films from Galicia’, unha escolma de 70 producións e proxectos de longametraxes de ficción, animación e documentais, ademais de películas, series e formatos de televisión, así como o catálogo ‘Shorts from Galicia’, dedicado ás curtas.
 
O European Film Market é un dos máis importantes escaparates de cine do mundo, asociado á programación da Berlinale como o centro de negocios para os profesionais que asisten ao recoñecido festival cinematográfico. Cada ano acolle máis de 400 expositores (na súa maioría produtoras, distribuidoras e organismos oficiais) duns 50 países, así como 1.300 compradores de todo o mundo.

-European Film Market