O libro 'Teatro do Noroeste, 30 anos actuando' conmemora a traxectoria da compañía nos escenarios

  A publicación, que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación, é un percorrido polas imaxes e equipos artísticos dos 36 espectáculos producidos desde 1987 ata hoxe

  A presentación tivo lugar esta tarde no Teatro Principal de Santiago, onde se está a representar Estado de graza’, a última proposta escénica de Eduardo Alonso

O libro 'Teatro do Noroeste, 30 anos actuando' conmemora a traxectoria da compañía nos escenarios
[17/02/2017]
O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu esta tarde a presentación do libro ‘Teatro do Noroeste, 30 anos actuando’, co que a compañía compostelá de Eduardo Alonso e Luma Gómez  conmemora tres décadas dedicadas á produción de espectáculos e á súa presenza na primeira liña da escena galega.


A publicación recolle en fotografías os 36 títulos montados pola compañía desde a súa fundación en 1987 coa súa primeira representación, ‘Medea’, ata a proposta estreada este ano, ‘Estado de graza’, escrita e dirixida por Alonso e que precisamente ocupa durante esta fin de semana o escenario compostelán dentro da xira que está a realizar por distintos espazos galegos.
 
Tamén inclúe os nomes dos integrantes dos equipos artísticos e os elencos, máis de 168 persoas en total, cos que Noroeste contou durante estas tres décadas para a posta en pé dos seus espectáculos. Damián Villalaín asina a introdución e Francisco Oti un estudo que repasa e contextualiza toda a carreira de Teatro do Noroeste e a súa ampla achega ao sistema teatral galego.
 
Historia viva do noso teatro
A edición de ‘Teatro do Noroeste, 30 anos actuando’ contou coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, entre outras institucións e entidades. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou por este motivo no acto de presentación acompañando a Eduardo Alonso e a Luma Gómez, fundadores da compañía, aos que se referiu como “historia viva e protagonistas do noso teatro para sempre, tanto polo seu legado artístico sobre os escenarios como pola súa contribución profesional fóra deles”.
 
Sutil sinalou a evolución da compañía e o mérito do seu mantemento en activo durante trinta anos, ademais da súa capacidade e versatilidade para abordar tanto os grandes autores da dramaturxia universal como os mellores dramaturgos galegos clásicos e contemporáneos, e de facelo construíndo propostas para todos os públicos e sendo pioneiros en moitos logros, como as campañas específicas para escolares ou a exhibición fóra de Galicia.
 
“E a esta incesante actividade, feita sempre con profesionalidade e con solvencia, engádese unha morea de proxectos individuais en paralelo,  súmanse moitos anos de teatro desde xa antes da constitución de Noroeste, sen esquecer a súa achega determinante nos tempos fundacionais do Centro Dramático Galego e a súa presenza, en definitiva, como voz autorizada e construtiva, en multitude de foros e traballos confluentes na mellora do exercicio profesional das xentes do teatro na nosa Comunidade”, expresou.
 
A celebración do 30º aniversario de Teatro Noroeste completarase cunha próxima exposición fotográfica que terá lugar tamén en Santiago de Compostela.