O CGAI participa no programa pedagóxico CinED para descubrirlle á mocidade o cine europeo de autor

  mpulsado polo Institut Français e coordinado en España pola asociación A Bao A Qu, a Filmoteca de Galicia forma parte como institución pioneira nesta rede que xa se aplica en sete centros educativos galegos

  A presentación tivo lugar hoxe en Madrid con representantes dos organismos involucrados no proxecto e co debate entre alumnado de secundaria e os cineastas Jonás Trueba e José Luis Guerín

O CGAI participa no programa pedagóxico CinED para descubrirlle á mocidade o cine europeo de autor
[01/03/2017]
O cine Doré de Filmoteca Española acolleu esta mañá a presentación de CinEd, un programa pedagóxico que comeza este ano a aplicarse en centros educativos españois para impulsar o cine europeo de autor entre a mocidade e que está coordinado para a nosa Comunidade polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia).
Con sete centros xa asociados, Galicia é pioneira na implantación desta iniciativa, que parte do Institut Français para toda Europa co obxectivo de dar a coñecer as películas de carácter artístico mediante a incorporación de programas transversais nas escolas en torno á educación en cine. O IES Francisco Aguiar de Betanzos, o IES e Poio, os IES Catabois e o Carballo Calero de Ferrol, o IES Rafael Dieste da Coruña, o IES Mosteirón de Sada e o IES de Cacheiras-Teo son os centros galegos participantes.
 
A metodoloxía de CinEd é desbotar o uso habitual dos filmes como ferramentas pedagóxicas simplemente pola temática tratada, para ir máis alá e chegar a “un descubrimento activo, creativo e reflexivo do cine” cun programa no que se propoñen “pistas para abordar de forma transversal outros contidos curriculares”, indicaban esta mañá Nuria Aidelman e Laia Colell, responsables da asociación A Bao A Qu, que coordina en España a iniciativa.
 
Ao acto tamén asistiron o director do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Óscar Graefenhein, e a directora de Cultura do Instituto Cervantes, Beatriz Hernanz, como responsables das institucións que sosteñen o programa en España. Estiveron ademais acompañados da profesora Fanny Figueras, dos cineastas Jonás Trueba e José Luis Guerín e de Mónica García, responsable dos programas pedagóxicos do CGAI-Filmoteca de Galicia.
 
O CGAI, pioneiro
En Galicia, CinEd xa se está a desenvolver en sete centros. A dinámica consiste en asistir a proxeccións na filmoteca para despois poder traballar na clase en torno a esas películas. Xa en xaneiro, o CGAI recibiu alumnos e alumnas de varios institutos para ver 'Pierrot le fou' de Jean-Luc Godard e 'El espíritu de la colmena' de Víctor Erice. García destacou do programa “a formación e o traballo co profesorado”, que tamén debe seguir un curso no que se lles fornece de materiais pedagóxicos para aplicar nas súas correspondentes disciplinas. Isto “xeraun marco de traballo privilexiado con ferramentas para un descubrimento creativo do cine”, explicou García, quen incidiu no “catálogo de películas que son as que nós buscamos, películas singulares que supoñen experiencias únicas” e que poden chegar á filmoteca e aos centros grazas a seren incluídas nesta escolma.
 
Recordou tamén a coordinadora de programas pedagóxicos co CGAI que CinEd vén a sumarse a 'Cine en curso', outro programa no que estudantes de primaria e secundaria fan as súas propias películas, xa activo dende o 2013. Ambos os dous forman parte do Plan Proxecta, impulsado dende o Departamento de Innovación Educativa da Xunta de Galicia, que implica concibir o traballo dende a transversalidade e dividido por proxectos.
 
Debate con José Luis Guerín
Varios estudantes de centros de Madrid acudiron á presentación e alí puideron coñecer un dos cineastas implicados no proxecto nesta Comunidade, Jonás Trueba. Porén, o protagonista da xornada foi o catalán José Luis Guerín, quen ten o seu filme 'En construcción' na escolma de películas coas que se traballa no marco de CinEd.
 
Guerín, profesor da Universidade Pompeu Fabra cando fixo este filme co seu alumnado, leva anos ligado á educación e é recoñecido como un gran pedagogo entre a cinefilia española. Esta mañá, non só comentou detalles da súa cinta logo de proxectarse, senón que tamén ofreceu a súa visión doutras obras dun catálogo que inclúe títulos como 'Il posto' de Ermanno Olmi ou 'La vuelta a clase' de Jacques Rozier, coas que os mozos e mozas traballarán en breve nos seus respectivos centros.