A ESAD de Galicia convoca o IV Premio 'A Pegada do Eco' de Teatro Radiofónico co apoio da Agadic

  Conta cunha dotación de 200 euros e un lote de publicacións teatrais do fondo editorial da Axencia Galega das Industrias Culturais

  O prazo de recepción de orixinais, que deben ser inéditos e estar escritos en galego, mantense aberto ata o 21 de marzo

A ESAD de Galicia convoca o IV Premio 'A Pegada do Eco' de Teatro Radiofónico co apoio da Agadic
[02/03/2017]
A Agadic volve colaborar coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) no Premio ‘A Pegada do Eco’ de Teatro Radiofónico, que acaba de convocar a súa cuarta edición. O Servizo de Dinamización Lingüística da ESAD  organiza esta iniciativa co obxectivo de promover a creación dramática en galego e a recuperación do formato de radio-teatro.

A Agadic mantén a súa contribución a este galardón mediante a entrega como dotación dun lote de libros teatrais procedentes do seu fondo editorial. ‘A Pegada do Eco’ contempla, así mesmo, un premio económico de 200 euros.
 
Requisitos
A convocatoria está aberta a todas as persoas interesadas, que teñen ata o vindeiro 21 de marzo para presentar as súas obras, de temática libre. Os traballos candidatos deberán ser orixinais e inéditos, ademais de estar escritos en lingua galega. Adoptarán o formato de guión radiofónico dramático e estarán calculados para que a súa duración en antena sexa de entre cinco e dez minutos. Así mesmo, deberán estar libres de compromisos con emisoras de radio, televisións, editoriais ou entidades similares.
 
O xurado, integrado por profesorado da ESAD, valorará a calidade dramática e sonora na concepción do texto, así como o risco das propostas e as súas resolucións do espazo sonoro. Terase en conta tamén o emprego da lingua galega con corrección e/ou adecuación, riqueza, oralidade, vitalidade e creatividade.
 
A gañadora da última convocatoria de ‘A Pegada do Eco’ de Teatro Radiofónico foi AveLina Pérez por ‘Eu controlo’, mentres que nas anteriores edicións o premio recaeu en Julio Peláez por ‘A cunquiña’ e en Ernesto Suárez Is por ‘Do material do que están feitos os soños’. A obra galardoada este ano darase a coñecer no acto que terá lugar o 27 de marzo na ESAD con motivo da celebración do Día Mundial do Teatro.

-Máis información na web da ESAD