Galicia ProFilme abre 2017 cunha xornada formativa sobre aspectos legais dos autores do audiovisual

  O guionista Sergio Barrejón e o avogado do sindicato ALMA Tomás Rosón exerceron de relatores baixo o título ‘Todo o que asinaches e non deberías ter asinado’

  A Agadic colabora coa Asociación Galega de Guionistas (Agag) para ofrecerlles esta sesión aos profesionais galegos que hoxe se deron cita na sede compostelá da Fundación SGAE

Galicia ProFilme abre 2017 cunha xornada formativa sobre aspectos legais dos autores do audiovisual
[02/03/2017]
Galicia ProFilme, o programa formativo para profesionais do audiovisual que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), iniciou hoxe a súa programación anual para 2017 cunha xornada dedicada á legalidade que lles atinxe aos autores deste sector. A sede da Fundación SGAE en Santiago acolleu esta tarde a primeira sesión.
Coa organización a cargo do Foro de Asociaciones de Guionistas Audiovisuales (FAGA) e o sindicato de guionistas ALMA en colaboración coa Asociación Galega de Guionistas (AGAG), os  participantes foron recibidos cunha presentación que compartiron Ana Hormaetxea, presidenta de FAGA, e Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual da Agadic, quen coincidiron en sinalar a importancia do coñecemento e da defensa dos aspectos legais, tanto deberes como dereitos, no exercicio da escrita de guións.
 
A continuación, tomaron a palabra Sergio Barrejón, guionista de series como ‘Amar en tiempos revueltos’ e ‘La señora’, e de filmes como ‘Hijo de Caín’, ‘Lucas’ ou ‘La media pena’; e Tomás Rosón, avogado de ALMA, para levar a cabo as súas intervencións, así como o coloquio posterior que se suscitou a partir do título ‘Todo o que asinaches e non deberías ter asinado’.
 
O marco legal que fixa o convenio colectivo aplicable, o réxime xurídico dos contratos temporais, así como a relación laboral de fixo descontinuo e da coñecida como ‘falso autónomo’ foron algúns dos contidos que se abordaron na sesión. De feito, estes puntos son os que centran as principais reivindicacións de ALMA, a organización sindical que suma 400 asociados en toda España e que traballa desde 1989 polos intereses dos escritores para cine e televisión e pola visibilidade do seu relevante papel.
 
Con este primeiro Galicia ProFilme de 2017, a Agadic continúa coa oferta de varias iniciativas pedagóxicas e de intercambio profesional dirixidas especificamente aos traballadores do sector audiovisual, así como coa súa liña de colaboración con AGAG para que a atención aos guionistas sexa parte importante deste programa.

-Web de FAGA