A Agadic subvenciona as salas Ártika e Ensalle de Vigo e Gurugú e Teatro del Andamio da Coruña

  Publicou hoxe a resolución da súa convocatoria anual de axudas a locais escénicos de xestión privada e capacidade reducida, dotada con 70.000 euros

  O apoio a este tipo de espazos compleméntase coa actividade da Rede Galega de Salas, da que forman parte tres das subvencionadas e que neste semestre ofrece unha carteleira de 59 actuacións financiada integramente pola Consellería de Cultura

 A Agadic subvenciona as salas Ártika e Ensalle de Vigo e Gurugú e Teatro del Andamio da Coruña
[03/03/2017]
A Agadic publica hoxe  a resolución pola que lles adxudica a catro locais os 70.000 € da súa liña de subvencións a salas de artes escénicas para 2017. Mediante esta convocatoria anual, búscase contribuír á estabilidade destes espazos, de xestión privada e cunha capacidade máxima de 250 localidades, que desenvolven programacións profesionais.

Os catro adxudicatarios deste ano son Teatro Ensalle (26.609,72 euros) e Ártika Sala Teatro (19.188,67 euros), as dúas de Vigo, e mais Teatro del Andamio (17.774,05 euros) e Sala Gurugú (6.427,56 euros), ambas da Coruña.
 
Valoración do plan de programación
Entre os criterios que se tiveron en conta na adxudicación destas subvencións, valoráronse a antigüidade das empresas xestoras, a súa pertenza á Rede Galega de Salas, o número de funcións en cartel (excluídas as programadas a través da devandita rede), o número de días con actividade aberta ao público, a contratación de compañías galegas, o desenvolvemento de programas complementarios (fomento de novos creadores, formación ou colaboración con centros de ensino), o plan de comunicación e xestión de públicos e os recursos humanos implicados.
 
Ademais de con esta liña de subvención, a Agadic contribúe ao funcionamento das salas privadas de artes escénicas a través da Rede Galega de Salas, circuíto do que forman parte tres dos espazos subvencionados este ano (Ensalle, Gurugú e Teatro del Andamio) xunto á Fundación SGAE de Santiago de Compostela e a Sala Ingrávida do Porriño. Esta rede, financiada integramente pola Xunta de Galicia, ofrece durante o primeiro semestre de 2017 un total de 59 representacións escénicas a cargo de 25 compañías.

-Resolución publicada na sección de avisos desta web