O CDG e a ESAD programan unha conferencia sobre os usos actuais da tremoia propia do teatro barroco

  Correrá a cargo do profesor Jerôme Maeckelbergh, premio Europa Nostra 2014 e recoñecido divulgador do patrimonio escenográfico teatral

  A actividade terá lugar na biblioteca do Salón Teatro de Santiago o martes 14 de marzo ás 19.30 horas como parte do programa formativo do Centro Dramático Galego

O CDG e a ESAD programan unha conferencia sobre os usos actuais da tremoia propia do teatro barroco
[07/03/2017]
O profesor belga Jerôme Maeckelbergh impartirá o vindeiro 14 de marzo no salón Teatro de Santiago de Compostela a conferencia titulada ‘A tremoia escenográfica no teatro barroco’, unha iniciativa formativa promovida pola Escola de Arte Dramática (ESAD) de Galicia en colaboración co Centro Dramático Galego (CDG).
Maeckelbergh, recoñecido experto internacional na divulgación patrimonial da utilización histórica desta maquinaria, utilizada sobre todo no século XVII, defende o seu potencial para o seu uso en producións contemporáneas, deixando á imaxinación do escenógrafo/a as súas posibilidades de adaptación ás escenografías actuais. Así, ademais dunha revalorización desta técnica histórica no uso teatral contemporáneo, a conferencia tamén pretende ser un chamamento para os deseñadores, estudantes, profesionais e amantes do teatro en xeral, abrindo novas posibilidades á caixa escénica.

Maqueta a escala
O profesor Maeckelbergh visitará Galicia para a difusión dos seus coñecementos e da súa teoría, a partir da súa presentación por vez primeira nun congreso mundial en 2014, no que se axudou dunha maqueta a escala 1/10 da reprodución en miniatura de todas as trucaxes escénicas.
 
Despois de terse impartido en diferentes foros de países como Suecia, Copenhague, EE.UU, Gales, Austria, Lituania ou Francia, a conferencia ofrécese por primeira vez no noso país con dúas datas programadas: o 13 de marzo en Vigo e o 14 de marzo en Santiago, esta última dentro do programa formativo do Centro Dramático Galego.  
 
A sesión terá lugar en inglés con tradución consecutiva a cargo de Eufrasio Lucena-Muñoz, deseñador de escenografía e iluminación titulado pola Facultade de Teatro de Praga e pola ESAD. Desenvolverase na sala da biblioteca do Salón Teatro a partir das 19.30 horas e o acceso será libre ata completar a capacidade da sala.
 
Jerôme Maeckelbergh
Deseñou a escenografía de máis de 50 producións para teatro e xénero musical. Tamén realizou a utilería, as máscaras e o traballo escultórico doutras tantas.
 
É membro de OISTAT (Organización Internacional de Escenógrafos, Arquitectos e Técnicos de Teatro) e dinamizador do proxecto ‘Theatre Words’ que recolle, a modo de dicionario, os termos técnicos do mundo do teatro máis comúns en diferentes linguas.

A súa especialización no ámbito da tecnoloxía escénica foi a partir de 2012, cando recibiu a noticia de que o teatro Bourla (Bourlaschouwburg) de Amberes ía ser desmantelado. Este espazo está considerado como o teatro municipal máis grande de Europa, que conserva a súa maquinaria histórica. Nese momento, organiza unha serie de conferencias internacionais para sensibilizar ao público, o que o leva a recibir a distinción de Europa Nostra en 2014 pola conservación do patrimonio histórico europeo.