A Agadic apoia as programacións audiovisuais dos cineclubs galegos en 15 localidades

  Esta colaboración materialízase mediante unha achega de 25.000 euros á Federación de Cineclubes de Galicia para os ciclos e semanas de cine que os seus asociados desenvolverán en 2017

  Jacobo Sutil, director da Axencia, e Manuel Precedo, presidente da Feciga e do Cineclube Padre Feijoo, asinaron tamén o convenio para unha nova extensión da carteleira do CGAI na cidade de Ourense

 A Agadic apoia as programacións audiovisuais dos cineclubs galegos en 15 localidades
[08/03/2017]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) subscribiron hoxe un novo convenio de colaboración para o desenvolvemento durante todo este ano dunha ampla programación de ciclos e semanas de cine en quince localidades das catro provincias galegas.


A Xunta contribúe así ao mantemento dunha oferta audiovisual e de calidade nos cineclubs galegos, ao tempo que impulsa o seu labor de difusión e de creación de públicos para o cinema.

A Xunta contribúe así ao mantemento dunha oferta audiovisual e de calidade nos cineclubs galegos, ao tempo que impulsa o seu labor de difusión e de creación de públicos para o cinema.
 
Tal e como se recolle no documento asinado polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da Feciga, Manuel Precedo, a Axencia mantén a súa achega de 25.000 euros a esta iniciativa anual. A través dela, este tipo de asociacións culturais reforzan o seu papel como alternativa á exhibición cinematográfica dos circuítos comerciais e, nalgúns dos casos, como única posibilidade de ver cinema en pantalla grande para os espectadores das súas localidades.
 
Catorce ciclos e dez semanas de cine
Como en anos anteriores, a programación da Federación de Cineclubes de Galicia para 2017 articúlase inicialmente arredor de 14 ciclos e de 10 semanas de cine. Organizados pola Feciga a partir dunha temática ou estilo determinados, a carteleira de cada un dos ciclos previstos é seleccionada polos centros participantes a partir do catálogo proposto. No caso das semanas de cine, a organización corre a cargo dos propios cineclubs que, xunto coas proxeccións dos filmes, desenvolven diferentes actividades paralelas como debates, obradoiros e exposicións.
 
A Feciga incorporou en 2016 catro novos membros (os cineclubs da Illa de Arousa, Bueu, Dzine de Lalín e A Lanterna de Viana do Bolo), que este ano se suman á programación dos ciclos xunto cos de Cangas, Poleiro de Goián, Groucho Marx do Barco, O Carballiño, Valle-Inclán de Lugo, Liceo de Noia, Padre Feijoo de Ourense, Pontevedra, Lumière de Vigo e Adega de Vilagarcía de Arousa.
 
Pola súa banda, as semanas de cine desenvolveranse nos cineclubs de Cangas, Chantada, Lugo, Monforte, O Barco, O Carballiño, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
 
Colaboración co Cineclube Padre Feijoo
Jacobo Sutil e mais Manuel Precedo, quen é tamén o presidente do Cineclube Padre Feijoo de Ourense, asinaron así mesmo o convenio de colaboración mediante o que a Agadic facilita a extensión da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na Biblioteca Pública Nodal ourensá. As proxeccións arrancarán en abril e continuarán ata decembro.
 
Dáselle así continuidade á liña de traballo a través da que a Agadic busca compartir cos espectadores doutros puntos de Galicia parte da carteleira que a filmoteca galega exhibe na súa sede da Coruña. Desta iniciativa forma parte tamén o Cineclube Lumière de Vigo.

-Federación de Cineclubes de Galicia