A Xunta subvenciona en 2017 os festivais audiovisuais Play-Doc, (S8), FICBueu e Xociviga

  A Agadic publicou hoxe no seu web a resolución desta convocatoria, que adxudicou o total das contías solicitadas por todas as mostras que se presentaron en tempo e forma segundo as bases

  Apóiase o labor de difusión destes catro certames dedicados prioritariamente ao documental, ao cinema independente, ás curtametraxes e á produción galega

A Xunta subvenciona en 2017 os festivais audiovisuais Play-Doc, (S8), FICBueu e Xociviga
[15/03/2017]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe a relación dos catro certames adxudicatarios en 2017 da convocatoria de subvencións a festivais do sector audiovisual: Play-Doc de Tui, a mostra (S8) da Coruña, o FICBueu e as Xociviga do Carballiño.

A través desta resolución, achégase o total das contías solicitadas por todas as mostras que se presentaron a estas axudas no tempo e na forma que se establecían nas bases, publicadas no DOG o pasado 26 de decembro. Deste xeito, entre as catro entidades organizadoras destes certames distribúense 81.561 euros do total de 115.000 euros reservados para estas subvencións. A contía convocada para 2017 experimentou un incremento do 9,5 por cento respecto a 2016, polo que se mantén a liña ascendente na súa dotación, que xa o ano pasado crecera nun 16 por cento respecto á convocatoria de 2015. 
 
Contías
En concreto, este ano apóiase con 32.400 euros o XIII  Play-Doc Festival Internacional de Documentais, que se desenvolverá a próxima semana en Tui, así como a oitava (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (24.161,28 euros), o X Festival Internacional de Curtametraxes (FIC) de Bueu (22.000 euros ), que terá lugar do 9 ao 17 de setembro, e a 34ª edición das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) do Carballiño (3.000 euros).

Este é o cuarto ano no que a Agadic desenvolve este programa específico de subvencións co que regula, a través dunha convocatoria pública e en réxime de concorrencia competitiva, o seu apoio económico a certames, semanas e mostras audiovisuais. Unha comisión integrada por expertos independentes foi a encargada de analizar as propostas presentadas, así como de valorar a súa traxectoria, programación, viabilidade e interese.

[Na imaxe, unha das sesións da pasada edición do Play-Doc de Tui. Fonte: Facebook do festival]

-Resolución na sección de avisos deste web