Só consta que un dos cinco inadmitidos ás axudas a festivais audiovisuais intentou facer o rexistro telemático obrigatorio

[23/03/2017]
A convocatoria de subvencións a  festivais do sector audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) seguiu o establecido na Lei de Procedemento Administrativo, unha normativa de ámbito estatal na que se establece a obriga da presentación telemática da tramitación para todas as persoas xurídicas. Desde a Agadic comprobouse que só un dos cinco festivais inadmitidos por incumprimento do método de solicitude intentou presentar pola vía telemática obrigatoria a subvencións a festivais do sector audiovisual.

Este é o cuarto ano no que a Agadic desenvolve este programa específico de subvencións, co que regula, a través dunha convocatoria pública e en réxime de concorrencia competitiva, o seu apoio económico a certames, semanas e mostras audiovisuais. Ademais da citada normativa estatal, en vigor desde o 2 de outubro de 2016, a obrigatoriedade de presentación telemática recóllese tamén expresamente no punto 1 da base quinta da convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia o día  26 de decembro de 2016.
 
Informe da Amtega
A Agadic solicitoulle ao departamento público que xestiona o portal electrónico, a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), un informe sobre a xestión telemática da convocatoria de subvencións a festivais do sector audiovisual. O devandito informe baséase no que queda rexistrado no ‘log’ ou bitácora, que á súa vez testemuña calquera acción que se fai no sistema. Este documento sinala que dos festivais non admitidos por incumprimento do método de solicitude da axuda, en catro deles (Cans, Curtocircuíto, Cineuropa e FKM) “non aparece ningunha traza de auditoría na sede electrónica” asociada aos NIF das entidades solicitantes nin aos dos seus representantes. Así mesmo, “non consta ningunha incidencia aberta” para estes procedementos no servizo de soporte técnico da sede electrónica dispoñible 24 horas (012@xunta.gal), nin os solicitantes se dirixiron á Agadic para comunicar ningún tipo de incidencia nese sentido.
 
Respecto ao quinto festival inadmitido, Primavera do Cine de Vigo, si consta que foron realizados algúns movementos na plataforma, pero non se chegou a finalizar o trámite de presentación nin se comunicou ningunha incidencia.
 
Por dar un dato de funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, só durante o mes de xaneiro, que coincide co prazo desta axuda, presentáronse máis de 10.000 solicitudes de diferentes procedementos.
 
Decisión conforme á lei
En definitiva, o feito de que estes festivais non foran admitidos na convocatoria de axudas da Agadic a festivais audiovisuais non responde a ningunha decisión unilateral nin arbitraria. Tampouco se pode falar dun defecto de forma, senón dun incumprimento flagrante do estipulado nas bases. De feito, unha comisión integrada por expertos independentes foi a encargada de analizar as propostas admitidas, así como de valorar a súa traxectoria, programación, viabilidade e interese. Contra esta resolución, todos os festivais teñen á súa disposición a vía ordinaria de reclamación.