O CGAI programa na Coruña o ciclo do Play-Doc sobre o director canadense Dominic Gagnon

  A Filmoteca de Galicia recibirá mañá o controvertido realizador para presentar a súa película ‘Hoax_canular’, retrato dunha sociedade norteamericana paranoica construído a través de vídeos de YouTube

  Esta retrospectiva céntrase na súa triloxía americana, feita na primeira lexislatura de Obama e que vaticina a chegada ao poder de Donald Trump

 O CGAI programa na Coruña o ciclo do Play-Doc sobre o director canadense Dominic Gagnon
[24/03/2017]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) acolle a partir de maña martes 28 o ciclo organizado polo festival Play-Doc de Tui sobre o realizador canadense Dominic Gagnon.Tamén mañá a filmoteca recibirá na súa sede da Coruña o controvertido director para presentar, na sesión das 20.30 horas, a súa peza Hoax_canular.

Coma se fose un antropólogo da web, Gagnon interésase polos vídeos anónimos que a xente colga en YouTube, a modo de mensaxes desesperadas nunha botella lanzada ao ciberespazo. Ao trasladalos da pantalla dun computador á pantalla dunha sala de cine, o director crea unha especie de comunidade, na que estas voces solitarias dialogan entre si e adquiren un novo significado. O resultado é unha abafadora análise da sociedade contemporánea, chea de elementos traxicómicos, entre a solidariedade e a provocación.
 
O ciclo, que proxecta o CGAI tras a súa exhibición no Play-Doc, céntrase na súa triloxía americana, composta por RIP in Pieces America(2009), Pieces and Love All to Hell (2011) e Big Kiss, Good Night (2012); e inclúe outros títulos capitais da súa obra coma Of the North (2015) ou a propia Hoax_canular (2013). Esta última está realizada a partir de máis de 70 horas de vídeos subidos a YouTube por adolescentes nunha soa noite, a véspera da anunciada gran Apocalipse en 2012, compoñendo unha profunda reflexión sobre como os máis novos fan súa a angustia xerada polos medios.
 
Retrato inquietante
En terreos similares móvese a súa triloxía americana. Realizada ao comezo do mandato de Obama, en plena crise económica e baixo a ameaza da chegada dunha nova orde mundial, esta triloxía ofrece un inquietante retrato dos demos que perturban as masas anónimas dun país afectado por vellos prexuízos e novos odios; un paseo salvaxe e subversivo entre medos suprimidos, fantasías paranoicas, historias de chalados e lúcidas valoracións do futuro. Vista agora, esta triloxía cobra un significado especial, xa que vaticina a chegada de Donald Trump á presidencia dos Estados Unidos de América.
 
Completa o ciclo a censurada Of the North, mostrada na edición anterior do festival na sección da crítica Resonancias. Resposta ao clásico do cine documental de Robert Flaherty Nanook of the North (2012), o resultado desta compilación de vídeos gravados por indíxenas é un sórdido retrato dunha comunidade totalmente aculturada e desorientada. Entre as imaxes atopamos cazarías, plataformas petrolíferas, abuso a menores, homes bébedos e basto exhibicionismo. Esta imaxe crúa dos esquimós, tan afastada da idealizada por Flaherty un século atrás, desatou unha enorme polémica no seu país de orixe, facendo que a obra de Gagnon fose vetada en festivais e salas de cine.
 
Play-Doc recupéraa, poñendo en valor unha das obras no xénero da metraxe atopada máis arriscadas e pertinentes dos últimos anos. Como vén sendo habitual, logo de anos de colaboración, a retrospectiva poderá verse de forma integral no CGAI e viaxará despois a outros espazos como Tabakalera en Donostia ou a filmoteca de Valencia.

Imaxe: Tamara de la Fuente



-Web do CGAI