César No, gañador do IV Premio 'A Pegada do Eco' da ESAD no Día Mundial do Teatro

   Jacobo Sutil fíxolle entrega hoxe deste galardón, que organiza a Escola Superior de Arte Dramática en colaboración coa Agadic

   ‘Camiños de luz’ é o título da peza gañadora, mentres que o texto ‘Bestiario’, presentado por Ernesto Is, foi recoñecido cun accésit

César No, gañador do IV Premio 'A Pegada do Eco' da ESAD no Día Mundial do Teatro
[27/03/2017]
César No, co texto ‘Camiños de luz’, é o gañador do IV Premio A Pegada do Eco de Teatro Radiofónico, convocado pola Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia en colaboración coa Agadic. O galardón foille entregado hoxe en Vigo por Jacobo Sutil como peche do programa desenvolvido polo centro para celebrar o Día Mundial de Teatro. 


Ademais do premio outorgado a César No, titulado en Dirección Escénica por este centro de ensinanza superior da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o xurado do Pegada acordou concederlle un accésit ao texto ‘Bestiario’, de Ernesto Suárez Is. Este último, tamén titulado en Dramaturxia pola ESAD, foi de feito o gañador da primeira edición deste galardón en 2014 coa súa obra ‘Do material do que están feitos os soños’, ademais de ter no seu haber outros recoñecementos como a última edición do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ex aequo con Xandra Táboas.
 
Ambos os autores manteñen a súa propia compañía, Feira do Leste, a través da que exploran o teatro físico, a performance, a danza e as linguaxes posdramáticas.Ademais de felicitalos por estas distincións, o director da Agadic trasladoulle tamén os parabéns ao equipo directivo e ao profesorado da ESAD polo seu traballo diario á fronte deste centro, así como por todas as iniciativas docentes e dinamizadoras que complementan a formación curricular regrada.
 
Xornada de conmemoración e homenaxe
Entre estas accións destacou, precisamente, esta xornada de celebración do Día Mundial do Teatro, que deu comezo cunha serie de actividades pedagóxicas para dar paso á lectura dos diferentes manifestos da conmemoración: o da ESAD, escrito e lido por Esther Carrodeguas; o galego, lido por Eufrasio Lucena; e o internacional, por Carmela González e Diego Rey.
 
A continuación, desenvolveuse unha mesa redonda arredor da traxectoria escénica de Dorotea Bárcena, así como as lecturas de varias escenas en homenaxe á actriz falecida o pasado mes de novembro. A xornada, que tivo lugar na sala Pedra Seixa da sede da ESAD, concluíu co acto de entrega do premio e o accésit desta cuarta edición de A Pegada do Eco de Teatro Radiofónico
 
Xunto cun lote de libros teatrais procedentes do fondo editorial da Agadic, este ano o galardón conta tamén cunha dotación económica de 200 euros.

A gañadora da anterior convocatoria de A Pegada do Eco foi AveLina Pérez por ‘Eu controlo’, mentres que nas anteriores edicións recaeu en Julio Peláez por ‘A cunquiña’ e en Ernesto Suárez Is polo devandito texto ‘Do material do que están feitos os soños’.