A Agadic destina 390.000 euros ás subvencións a festivais galegos de escena e de música

  Da dotación total, 220.000 euros resérvanse para os eventos musicais e 170.000 euros, para os escénicos

  As axudas, que poden solicitarse desde hoxe e ata o 2 de maio, refírense aos certames desenvolvidos entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro deste ano

  A través desta liña de apoio, a Xunta contribúe á consolidación dun mapa galego de festivais, así como a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos

A Agadic destina 390.000 euros ás subvencións a festivais galegos de escena e de música
[31/03/2017]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén este ano a dotación de 390.000 euros para a súa convocatoria de subvencións a festivais de artes escénicas e de música, que abre desde hoxe e ata o vindeiro 2 de maio o seu prazo de solicitude. 

A través destas axudas, a Xunta de Galicia busca contribuír á consolidación dun mapa galego de festivais de carácter profesional, así como a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos nestes sectores culturais.

Así, en 2016 cofinanciáronse un total de 22 festivais (13 de música e nove de artes escénicas). Foron, en concreto, o Resurrection Fest en Viveiro, Wos Festival en Santiago, Sinsal Son Estrella Galicia na Illa de San Simón (Redondela), Portamérica en Nigrán, Festival da Luz en Boimorto, SonRías Baixas en Bueu, FIV de Vilalba, Vertixe Vigo, Nordestazo Rock en Malpica, Cantos na Maré en Pontevedra, Festival de Jazz de Lugo, Revenidas en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), Santiautor en Santiago, FIOT en Carballo, Galicreques en Santiago, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, FITO en Ourense, Mostra de Teatro de Cariño, Festival de Títeres de Redondela, Festiclown en Vilagarcía, Corpo (a) Terra en Ourense e Festival de Teatro Galego do Carballiño.
 
A convocatoria deste ano, á que poden acollerse eventos celebrados en Galicia entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017, reserva un total de 220.000 euros para os festivais de música e de 170.000 euros, para os escénicos.
 
Bases
Segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), son obxecto desta convocatoria festivais de iniciativa privada ou de administracións locais cunha traxectoria de polo menos dúas edicións anteriores e que ofrezan nos seus carteis un mínimo de seis compañías ou grupos, entre outros requisitos.
 
Establécese, así mesmo, que o 40 por cento do orzamento subvencionable debe corresponder á contratación artística no caso dos festivais de música e o 30 por cento nos escénicos. Para esta última modalidade, engádese que a presenza de formacións compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia ten que supoñer, como mínimo, o 20 por cento da contratación artística do festival ou o 30 por cento do total das actuacións profesionais que se ofrezan.
 
Sector cultural estratéxico
Este texto fai especial fincapé na consideración deste tipo festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e no impulso da súa profesionalidade, de xeito que se esixe que polo menos a metade dos concertos ou representacións programadas sexan de pago, agás no caso dos festivais escénicos de rúa.
 
As subvencións serán concedidas mediante o procedemento de concorrencia competitiva e cada unha das solicitudes será avaliada, de acordo co baremo especificado nas bases, por unha comisión da que formarán parte expertos independentes.
 
Para as persoas xurídicas ou as súas representantes, é obrigatoria a presentación telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para o resto dos casos, debe presentarse preferiblemente por vía electrónica e, de xeito opcional, en formato físico a través dos lugares e rexistros establecidos na normativa.

-Máis información